Cinema

(S8) reivindica a influencia anovadora de Antón Reixa e Antonio Segade

As obras dos dous creadores poderán verse no marco da sección Xerme, que o certame recupera o domingo para facer xustiza ao legado audiovisual galego máis experimental.
Fotogramas das obras proxectadas.
photo_camera Fotogramas das obras proxectadas.

O (S8) Mostra de Cinema Periférico inclúe na súa programación deste domingo, ás 19 horas no Fórum da Coruña, unha sección moi singular que, segundo di a organización, levaban xa tempo querendo recuperar. Trátase de Xerme, un apartado para as e os artistas seminais do cinema experimental galego que desenvolve un labor de recuperación -ou mesmo de xustiza- á hora de recoñecer o raizame creativo das novas xeracións.

Xerme revive coa obra de Antonio Segade e Antón Reixa, comisariada polo crítico, escritor e director do Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, Jordi Costa.

Esta sesión recolle unha serie de obras en proxección monocanal (nunha sesión que inclúe fotografías das videoinstalacións), envoltas entre as parénteses de dúas videoperformances en directo dos artistas. Todas estas obras, heteroxéneas en xénero, función e sensibilidade teñen en común o traballo coincidente de Antonio Segade e Antón Reixa

Durante 36 anos, ambos os dous creadores traballaron na videocreación máis ortodoxa, a vídeoinstalación, en disco-DVD, libros-DVD, televisión comercial, cinema, publicidade...

A proposta trata de observar e confrontar que elementos hai en común nesta singular colaboración. Co paso dos anos, a casualidade de que o nome de Reixa fose máis difundido polo seu traballo na música pop e a literatura opacou esta simbiose na que o nome de Antonio Segade aparecía secundarizado.

A este aspecto, di a organización, tamén contribuíu a "natural discreción de Segade". De aí a vontade de (S8) de pór en conxunto fragmentos deste inventario audiovisual tan promiscuo.

"Unha palabra vale máis ca 1.000 imaxe"

Os autores, por si mesmos, acóllense ao epígrafe de "Falar por non calar", dado que o seu ámbito máis xenuíno e frecuentado é a vídeopoesía, sempre partiron do principio da secundariedade da palabra poética respecto á imaxe.

Esta ilustra os versos porque, segundo cren os autores, cómpre darlle a volta á máxima e "unha palabra vale máis ca 1000 imaxes". Unicamente nos seu traballos últimos (Michigan e Melancoholemia) a relación é máis simbólica que de ilustración puntual. Para iso traballaron con clásicos da pintura universal como Goya e O Bosco.

Será certa esa afirmación vehemente, contra o dito popular, de que unha verba pode superar 1.000 imaxes?

Comentarios