Colmeiro gravador: o humanismo e a saudade

A Fundación Laxeiro de Vigo presenta Colmeiro, punta seca, unha exposición singular, composta por corenta e oito gravados de Manuel Colmeiro (1901- 1999), datados entre finais dos anos trinta e a década dos corenta, algúns deles inéditos, que foron reunidos e publicados nunha carpeta en 2022, pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, de Ribeira. 
 
Autorretrato de Colmeiro que se pode ver na mostra.
photo_camera Autorretrato de Colmeiro que se pode ver na mostra.

Nos últimos anos estase facendo unha relectura da obra de Colmeiro que permite comprender mellor unha obra situada no centro dunha época ateigada de tensións sociais, totalitarismos, revolucións e vangardas artísticas. Figura esencial do Movemento Renovador da Arte Galega -os denominados Os Novos-, Colmeiro foi quen de crear unha obra que se inscribía nunha vangarda cosmopolita que non renunciaba á vindicación da identidade nacional galega. Un movemento cuxos logros artísticos quedaron escurecidos despois do golpe de Estado de 1936 e os longos anos de ditadura fascista.

A Fundación Laxeiro de Vigo vén de inaugurar a exposición Colmeiro, punta seca, centrada precisamente no período inmediatamente posterior ao golpe de Estado, desde finais dos anos trinta até inicios dos anos cincuenta do século XX, durante os anos de exilio do artista en Bos Aires e nos primeiros da súa marcha a París.

Centrada na obra gráfica de Colmeiro -pouco numerosa e de tiraxes reducidas-, a mostra parte do proxecto de realizar a edición dunha carpeta a partir de 49 matrices do artista que posúe a familia do pintor, levado a cabo pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira.

Colmeiro, punta seca quere dar a coñecer esta faceta do creador galego, que atinxe a algúns elementos centrais da súa estética nun momento moi concreto da diáspora galega, en particular en Bos Aires. A importancia da exposición acrecéntase ao contar con algunha obra inédita até o de agora.

Nesa época, Colmeiro dedica a realizar uns gravados nos que, en palabras do crítico Carlos Bernárdez -comisario da exposición xunto con Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, director do Museo do Gravado de Ribeira- a liña clasicista se pon ao servizo duns temas que serán recorrentes na súa obra e que se constitúen nunha das chaves de toda a súa produción do exilio: a Galiza reconstruída desde a memoria e a muller como ideal, participando dunha das grandes liñas temáticas que caracterizan a arte galega na diáspora, como é a ausencia da Terra, que suxire o título de infinidade de obras de artistas e escritores galegos: Lonxe de Lorenzo Varela; Fardel de eisilado e Homenaje a la Torre de Hércules de Luís Seoane; Sempre en Galiza de Castelao ou nomes de revistas como Galicia emigrante ou Saudade".

 

Política e saudade

"Na exposición poden observarse dous planos moi interesantes da obra de Colmeiro", explica Bernárdez en conversa con Nós Diario. "Esa parte formal neoclasicista que recuperaba a herdanza grecolatina era, tamén, no seu tempo, un referente que se empregaba para difundir un discurso antifascista que facía fronte ao horror vivido en Europa na guerra de España, primeiro, e na II Guerra Mundial, despois. É unha corrente que, dalgunha maneira comeza Picasso coa súa famosa Suite Vollard, mais que no fondo recupera unha parte do legado de Cézanne, cuxas paisaxes Colmeiro actualiza como un espazo de resistencia ante a atrocidade fascista, e tamén como un locus amoenus que identifica cunha Galiza arcádica, perdida, e que necesita ser reconstruída".

Trátase dun discurso formal que Colmeiro xa utilizara a finais dos anos 30, nas ilustracións realizadas para o libro De catro a catro de Manoel Antonio, ou no cartafol 15 debuxos, nos que os ideais clásicos están postos ao servizo dunha reflexión sobre a identidade galega. Nestas obras as fontes cézannianas son fundamentais, e empregan temas que utilizará o pintor ao longo de toda a súa carreira con diversas e sutís variacións formais: a figura fronte a paisaxe, a parella, a maternidade...

"Nestas obras, nos fondos,  aparecen de cando en vez a casa materna do artista ou as torres da catedral de Santiago", observa Bernárdez, "o que reflicte moi ben ese sentimento de saudade que impregna as obras do exilio galego deses anos".

Rafael Dieste, nun texto escrito en 1941, e titulado Colmeiro: breve discurso sobre a pintura co exemplo dun pintor”, realiza unha análise aguda e perspicaz do traballo de Colmeiro que ilustra especialmente as obras que agora se editan e rescatan. Dicía Dieste que o Colmeiro pintor “falaba en galego”, e certamente constrúe unha linguaxe pictórica dun forte lirismo, en que a evocación do mundo galego é unha constante. A súa obra é unha maneira de reencontro, mais tamén un xeito de permanente análise e depuración formal, que atinxe un logrado equilibrio.

 

Unha técnica delicada

A exposición, por outro lado, resulta singular na forma na que se mostra ao público, xa que non é frecuente mostrar as matrices orixinais a partir das que se realiza o estampado. Na Fundación Laxeiro, os corenta e oito gravados son exhibidos ,cada un deles, a carón da súa matriz correspondente, grazas á cortesía da familia Colmeiro que cedeu as pranchas.

"A punta seca, que é a técnica empregada por Colmeiro, é moi delicada, permite tirar moi poucas copias. A familia de Colmeiro gardaba as pranchas e o Museo do Gravado de Ribeira viu a posibilidade de facer unha nova edición que resucitase esas pezas, para o que se limparon e restauraron as planchas -un traballo realizado polo mestre gravador Pepe Míguez- para tirar unha nova edición de 25 exemplares numerados e autenticados ante notario", relata o comisario da exposición.

Así, o público ten a inusual oportunidade de apreciar as semellanzas e pequenas variacións entre a matriz orixinal traballada polo artista e o gravado final, o que sen dúbida -explicandesde a Fundación- "contribuirá, á comprensión dos procesos de realización de obra gráfica, quizais a primeira técnica que permitiu a reprodución a partir de obras orixinais".

 

Cooperación e rigor entre entidades

"Hai que destacar o traballo realizado polo Museo do Gravado de Ribeira", advirte Carlos Bernárdez. "Non é habitual na Galiza un centro que opere co seu nivel de rigor e de profesionalidade fóra dos grandes centros".
Con esta exposición a Fundación Laxeiro e a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa dixital (FMAG), materializan un intercambio que, ademais de posibilitar a realización de esta exposición en Vigo, levará á FMAG a mostra titulada Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa, producida pola Fundación Laxeiro en 2018.

Comentarios