Colmeiro visto a través do prisma da cor

A exposición Colmeiro. Cor e sentimento inaugúrase na Fundación Luís Seoane.
Manuel Colmeiro. 'Bodegón', 1961-65. (Foto: Fundación Luís Seoane)
photo_camera Manuel Colmeiro. 'Bodegón', 1961-65. (Foto: Fundación Luís Seoane)

Quizais a cor é o primeiro que destaca ante un cadro de Colmeiro. Grandes masas de tons brillantes atópanse e dialogan na maior parte duns lenzos que teñen nese cromatismo a súa principal baza expresiva. Porén, até o de agora non se fixera unha exposición como Colmeiro. Cor e sentimento -que se inaugura este venres na Fundación Luís Seoane da Coruña e permanecerá patente até o 17 de abril do ano vindeiro. En palabras de Mónica Alonso, a comisaria da mostra, “á procura das cores nos seus cadros”.

Alonso, cuxo traballo como artista amosa tamén un enorme interese no cromatismo, non dubida en definir a exposición como “a obra dun artista vista por outra artista”. Pero hai máis: unha investigación moi profunda sobre uso da cor que abrangue a totalidade da obra do artista, desde 1928 até 1981.

Centrándose especialmente na súa etapa parisiense, móstrase moita obra pouco ou nada coñecida que revela como a cor se converteu no principal instrumento da súa pintura. “Na exposición pódese ver como ese uso da cor desvela a súa evolución como artista”, di Alonso en conversa con Nós Diario.

Así, resulta moi interesante, por exemplo, poder ver os tres cadros que sobreviviron da súa breve incursión na abstracción, á que chega tratando a través da observación da natureza mais que axiña abandona por considerala “demasiado teórica”. Ou o chamado fauvismo galaico: Alonso cre que “Colmeiro realiza obras que mostran trazos comúns cos dos pintores fauvistas antes de coñecer a obra destes. Hai cadros feitos na Galiza nos anos trinta que xa mostran eses trazos expresivos; logo, continúa afondando por ese camiño en Bos Aires e, finalmente, explota en París”. 

“Da mesma forma”, continúa Alonso, “el declara que nunca vira unha obra de Cezanne, malia a influencia que se lle atribúe ao pintor francés sobre a súa obra. El define eses achados dunha forma moi poética, dicindo que ‘é algo que está no ambiente’. Se estás investigando nunha liña, iso aparece en diferentes lugares, igual que, probabelmente, os seres humanos descubriron o lume en distintos sitios a un tempo”.

Tamén se pode ver como Colmeiro utiliza o bodegón para ensaiar novas aproximacións á pintura. “A nivel formal e cromático, usou o bodegón para experimentar e probar cousas novas. Na exposición pode verse unha serie de bodegóns que reflicten os seus intereses ao longo da súa traxectoria, compróbase como ese xénero era unha especie de campo de probas para ir evolucionando na súa arte”. 

A exposición tamén aborda o interese de Colmeiro no muralismo, ao que tamén se achegara antes da explosión da pintura mural liderada por Diego Rivera, cun proxecto nunca realizado para o actual Hostal dos Reis Católicos. Posteriormente, en 1944, crearía en Bos Aires, xunto con catro pintores arxentinos –Antonio Berni, Lino Enea Spilimbergo, Demetrio Urruchúa e Juan Carlos Castagnino– o Taller de Arte Mural.

E tamén está a biografía: “Colmeiro non era un artista sentimental, mais as súas vivencias provocan uns determinados aos que podemos acceder observando as cores que emprega en cada momento: un caso relevante pode ser o do golpe de Estado de 1936 e todo o horror que el contempla nese período, que queda reflexado na súa obra da altura”.

Comentarios