A cociña de Barro: abrollar de ideas arredor da Galiza

A Fundación Didac inaugurou esta quinta feira en Compostela 'A Cociña de Barro. Os cadernos de deseño', unha mostra que dá conta da intimidade do proceso creativo do deseñador Pepe Barro, observada a través duns 66 cadernos dos que abrollaron as ideas da traxectoria profesional dun dos artistas máis representativos do grafismo galego.
Asistentes á exposición 'A Cociña de Barro', esta quinta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Asistentes á exposición 'A Cociña de Barro', esta quinta feira. (Foto: Arxina)

A traxectoria do recoñecido deseñador e ilustrador Pepe Barro (Pontedeume, 1955) ao longo do último medio século configurou unha sorte de cartografía da Galiza a través de infinidade de deseños noutros tantos campos de traballo. O conxunto da obra de Barro pode lerse como a Galiza que quere renovar os seus sinais de identidade dentro do que é a linguaxe no deseño gráfico internacional, "sempre en diálogo coa historia e coa tradición galegas", afirma o propio Barro a Nós Diario. Un incansábel traballo que comezou cunha idea a partir da cal, lapis ou pluma en man, arrincou un proceso de pensamento gráfico que culminou nalgúns dos deseños máis representativos do grafismo galego.

É precisamente este proceso creativo o que a Fundación Didac (Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas)  expón en 'A cociña de Barro. Os cadernos de deseño', unha exposición centrada en 66 cadernos de diversos formatos que foron utilizados durante boa parte da carreira profesional de Barro e que, para o deseñador, "son os lugares onde abrollan as ideas". De feito, segundo o propio autor, entre un esbozo e outro "é posíbel percibir como están a abrollar as ideas".

Varios dispositivos expositivos permiten ao público follear os cadernos de Barro, nos cales está o pensamento gráfico, ás veces errático, outras coherente e lóxico, pero sempre fresco, e, claro, hai esbozos, notas, debuxos, artigos, listaxes, plans, imaxes coladas, encartadas... "Tiven que ter un pouco de coraxe para vencer a vergoña que me pode dar espirme, dalgunha maneira, porque non todo o que hai nos cadernos é bonito... como en todos os cadernos feitos para un mesmo", afirma Barro en declaracións a  este xornal.

O grafista, un dos máis recoñecidos da Galiza, inaugurou na tarde desta quinta feira a mostra na Fundación Didac, en Compostela. (Foto: Arxina)
O grafista, un dos máis recoñecidos da Galiza, inaugurou na tarde desta quinta feira a mostra na Fundación Didac, en Compostela. (Foto: Arxina)

Os cadernos que se poden consultar na Fundación Didac até o 22 de decembro son, polo tanto, ferramentas de traballo que permiten identificar a parte máis íntima do traballo de grafismo levado a cabo polo artista.

Medio século de deseños

Nas paredes, algunhas pezas enmarcadas e penduradas mostran os primeiros traballos de Pepe Barro, cando este era aínda estudante na universidade, en 1973, hai agora 50 anos. E é que Barro iniciouse no deseño coa realización do cartel gravado en linóleo Homenaxe a Castelao para a Agrupación Cultural O Galo. Ese mesmo ano realiza Carta do pai, unha sorte de cómic con texto de Darío Xohán Cabana, así como o cartel para a exposición Cómic galego no Círculo Mercantil.

As paredes da Fundación Didac permiten seguir o traballo de Barro nestes 50 anos, "un pouco de todo", afirma o deseñador a Nós Diario. As proxeccións de imaxes converten as paredes nun roteiro pola traxectoria de Pepe Barro, traballos que antes foron só apenas unhas liñas, uns bosquexos, nos cadernos que centran a exposición.

Logo de rematar en 1975 os estudos de deseño na Escola Eina de Barcelona, Barro deseña a cabeceira de A Nosa Terra cando xorde despois da ditadura franquista, en 1977. Na mesma década elabora carteis reivindicativos para o Día da Patria Galega (1978) ou contra o perigo de instalar unha central nuclear no concello de Xove, na Mariña (1978). Xa nos oitenta, realiza o cartel de Percival (1983), para o Teatro Antroido de Roberto Vidal Bolaño e traballos como o logotipo da Aula de música da Universidade de Santiago de Compostela (1982) e o postmoderno cartel para Identidades: 24 horas de música, teatro e imaxe en Vigo, encargado pola Xunta da Galiza (1984). Dez anos despois de deseñar o semanario A Nosa Terra, Barro volve ao deseño editorial coa cabeceira do xornal Diario de Galicia (1987), un traballo co que o deseñador se iniciou no grafismo a ordenador.

Até 66 cadernos de bosquexos do deseñador Pepe Barro poden ser folleados polas asistentes. (Foto: Arxina)
Até 66 cadernos de bosquexos do deseñador Pepe Barro poden ser folleados polas asistentes. (Foto: Arxina)

Tras o seu paso polo Grupo Revisión –estudo máis paradigmático dos anos oitenta e noventa na Galiza–, co nome comercial de Barro Deseño, realizará o proxecto museolóxico e museográfico da Casa Rosalía (2017) e do Museo Ramón Cabanillas (2021), o deseño da exposición Con-fío en Galicia (2016), a cabeceira deste mesmo xornal, Nós Diario (2019); a imaxe da exposición Galicia Cen (2017), o novo logotipo de Culturgal (2017) ou toda unha gama de produtos para a Adega Terra de Asorei (2018-2022), entre outros moitos traballos que dan conta da diversidade da obra de Pepe Barro.

Unha traxectoria que estivo centrada, "por interese persoal mais tamén por acaso", arredor da historia da Galiza, da súa identidade como país,  e que culmina –até o momento– 50 anos despois co deseño desta mesma exposición na que o propio Barro "cociña" o seu grafismo.


Unha cartografía da Galiza

Tal é a diversidade e a pluralidade dos traballos que Pepe Barro desenvolveu ao longo dos últimos 50 anos que permiten intuír "un mapa da Galiza". No eido editorial, desde A Nosa Terra até Nós Diario, pasando por Diario de Galicia, o traballo de Barro "traza a historia da identidade da Galiza", segundo afirma o propio deseñador. Tamén nos grafismos da Adega Terra de Asorei, da granxa Pazo de Vilane ou da identidade visual da Ribeira Sacra "podemos intuír, dalgún modo, eses montes, vales e ríos" galegos.

Comentarios