Pepe Barro, 50 anos deseñando o país

É practicamente imposíbel non terse atopado cunha obra de Pepe Barro na Galiza. Logos, exposicións, cartaces, autocolantes, museos, capas de libros... Os seus deseños constitúen unha parte inevitábel da imaxe da Galiza das últimas décadas. Hai agora cincuenta anos, comezou a súa traxectoria artística cunha vocación social que non o abandonou. 
Algunhas das primeiras obras de Pepe Barro.
photo_camera Algunhas das primeiras obras de Pepe Barro.

Non se sabe moi ben se foi primeiro o compromiso co país ou o compromiso co deseño. Ou cal foi a causa e cal a consecuencia. Con só dezasete anos, Pepe Barro era xa un membro activo da Asociación Cultural O Galo de Santiago e deseñaba o seu primeiro cartaz: un linóleo titulado Homenaxe a Castelao que axudaría a financiar un ciclo de conferencias. Desde aquela, transcorreron xa cincuenta anos, medio século no que aquel mozo que se iniciaba no deseño e no activismo había deixar unha pegada imprescindíbel na imaxe gráfica do país. 

"En realidade, deseño e compromiso chegaron ao mesmo tempo. Son un pouco o mesmo", explica Barro en conversa con Nós Diario. "A partir dunha vocación artística abstracta, descobres iso que se chama deseño, que ten unha proxección moito máis ampla que a das artes plásticas -que, a fin de contas, se move nun circuíto máis limitado- e que responde a unha necesidade de comunicar, de chegar a unha masa social determinada, de crear mellores condicións de vida para a xente. É unha vocación social que está presente na historia de todo o deseño desde os pioneiros de principios do século XX: os construtivistas rusos, a Bauhaus...".

 

Deseñar un novo país 

Que compromiso político e vocación creadora se transformasen nun único anceio responde tamén a unha situación histórica que, coas súas luces e as súas sombras, propiciaron unha determinada forma de ver as cousas. 

"Eu pertenzo a unha xeración que asistiu ao final da ditadura", declara. "A evolución política non foi a que esperabamos, pero é certo que a partir do Estatuto de Autonomía se creou un centro político e administrativo que xerou certas necesidades e unha idea da propia identidade. Iso conformou unha sociedade e unhas formas de comunicación que permitiron que moita xente se decatase de que aquí existía un país. E o deseño estaba aí para responder a esas novas realidades". 

E que queda, despois desas transformacións que viviu o país, daquel mozo que se iniciaba nas loitas políticas e creativas? "Pois queda o mesmo espírito, só que cuns medios técnicos que daquela non existían e cunha estrutura que se foi creando, precisamente, grazas a esas transformacións que nos foron conformando". 

Non se entende a historia da Galiza das últimas décadas sen o traballo de Barro: o deseño editorial de A Nosa Terra e o de Nós Diario; a imaxe corporativa de Edicións Xerais, do Consello da Cultura e do Culturgal; a camisola da selección galega, a renovación da Casa de Rosalía de Castro, o Museo Ramón Cabanillas de Cambados, logos, exposicións... É moi difícil atopar alguén na Galiza que non se cruzase con algún deseño de Pepe Barro nalgún momento da súa vida. 

"Pode que sexa certo, especialmente porque nalgún momento fixen algúns libros de texto, libros de lingua e literatura galega, que quizais para moita xente fose o seu primeiro encontro literario coa lingua", lembra con modestia o deseñador.

Un legado ubícuo 

En setembro deste ano, unha exposición no Didac de Compostela e un libro de conversas co crítico David Barro -con quen, malia a coincidencia no apelido, non ten vínculos familiares- mostrará unha parte desa obra. Aí se verá que as novas xeracións de deseñadores e artistas plásticos galegos deben moito a un creador cun legado estético espallado por milleiros de bibliotecas e obxectos anónimos e, sobre todo, nas retinas de toda unha xeración de galegos e galegas. 

 

Cincuenta anos despois, un libro de agasallo

Para celebrar este aniversario, Barro editou un pequeno libro en edición non venal que recolle algunhas daquelas primeiras obras: as pranchas para a Carta do pai de Darío Xohán Cabana, o cartaz da exposición Cómic Galego, o gravado para o Grupo Ornitolóxico Galego fundado naquel 1973... "É un pequeno agasallo para compartir coas amizades e para lembrar algunhas das persoas que me acompañaron nprimeira etapa: Reimundo Patiño, Euloxio Ruibal, Ventura Cores, Xulio Maside..."

Comentarios