As cinzas de Teresa culminan o regreso da familia Alvajar á Coruña

As cinzas da galeguista e republicana  Teresa Alvajar deitáronse este venres sobre o mar da Coruña, en Punta Herminia, á beira do monumento á memoria histórica do Campo da Rata. Dez anos antes, Teresa presidira o regreso das cinzas de seus pais o César Alvajar e Amparo López Jean. Comezaba entón o retorno dunha familia que nunca desde 1936 puidera volver estar unida.

alvajar
photo_camera Homenaxe a Teresa Alvajar na Coruña

En xaneiro de 2006, Teresa Alvajar era xa a única descendente do xornalista César Alvajar e a galeguista Amparo López Jean, presidenta da Agrupación Republicana da Coruña e membro das Irmandades da Fala, que presidiría o retorno das súas cinzas ao cemiterio de San Amaro, á Coruña que tanto botaron de menos no seu longo exilio. Tan só uns días antes morría Ana Mª, a filla violinista da familia, que pasara anos agardando ese momento, presenciar o acto en que seus pais regresaran de novo á cidade da ilusión republicana e galeguista da que tiveran que fuxir polo golpe militar de 1936.

Dúas teimas perseguían Ana Mª nos últimos anos da súa vida. Publicar as súas memorias para deixar pegada de todo o que acontecera e traer os restos de seus pais á cidade en que foran felices. Ana Mª viu cumprido o primeiro dos seus desexos cando Ediciós do Castro publica o seu libro memorialístico Soltando Lastre mais, por tan só uns días, non conseguiu facer realidade o segundo. A morte impedíalle asistir ao enterro das cinzas de seus pais que xa só Teresa presidiría.

“Desde 1936 os catro irmáns só volvemos estar xuntos no enterro de papá en París”, dicía Ana María, irmá de Teresa

“Desde 1936 os catro irmáns só volvemos estar xuntos no enterro de papá en París”, repetía Ana María ,a mesma frase que Teresa tería tamén presente nos seus últimos tempos. Dalgunha maneira, era o resume tráxico do exilio daquela familia para a que os anos do entusiasmo republicano e galeguista da Coruña eran o símil máis acaído para definir a felicidade.

Mais cando, despois da inmediata morte de Ana Mª, Teresa asiste ao enterro de Amparo López e César, inaugura tamén unha nova etapa que lle devolvería, en certa maneira, o entusiasmo doutro tempo. Poucos meses máis tarde, serían as memorias de Ana Mª as que tamén voltarían a súa Coruña, ao pé dos de seus pais, como ela desexara.

Nun acto da Consellaría de Cultura as primeiras palabras de Teresa Alvajar foron "Viva Galiza Ceibe!"

Tan só uns meses despois, a Consellaría de Cultura e Deporte convidaría a Teresa Alvajar a asistir ao acto “Mulleres con Memoria” que se ía desenvolver no Teatro Principal dentro do programa do Ano da Memoria. Teresa aceptaría o convite e volvería de Madrid para participar nunha homenaxe ás mulleres que padeceron a represión. O Alvajar do seu apelido fixo que fose ela a primeira das mulleres en subir ao escenario e, para sorpresa de todo o mundo, conseguiu estarrecer o auditorio co berro forte de “Viva Galiza Ceibe!”. Dalgunha maneira, daba a impresión de que Teresa Alvajar estivera moitos anos agardando ese momento, o instante de subir e pronunciar aquelas palabras intensas que se sentiron como un emocionante estourido de recuperación dunha memoria apagada. Eran moitas as lembranzas que tiña que transmitir, entre elas, a memoria de nena dos encontros de súa nai con Castelao polas rúas e a súa sorpresa ao comprobar que entre eles se chamaban por “irmáns”.

A partir de aí, Teresa Alvajar converteuse, en certa medida, en símbolo das mulleres resistentes, da memoria histórica que regresa na voz das súas protagonistas. Asistiu ás homenaxes ás vítimas da represión que cada xullo a Consellaría de Cultura organizaba na Illa de San Simón, foi unha das protagonistas do encontro “Mulleres e Exilio”, recibiu a consideración de Republicana de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña -que agora organizou xunto coa familia o regreso das cinzas- ou o premio da Recuperación da Memoria Histórica da Asociación Alexandre Bóveda da Coruña.

A sensación do seu círculo máis próximo era que, en todos eses recoñecementos, Teresa Alvajar era feliz, contenta de ser partícipe  daquela volta da memoria tanto tempo silenciada. A publicación da súa autobiografía Memorias dunha republicana (Laiovento), editado pola investigadora e amiga Aurora Marco, supuxo o colofón do seu empeño en transmitir o legado da familia Alvajar, da súa propia historia e a dunha represión que experimentou fórmulas especiais para mulleres que, coma ela, soñaban cunha vida en liberdade.

A fin do retorno dunha familia exiliada

O acto que esta sexta feira se desenvolveu no Concello da Coruña -no que traballaba César Alvajar e o que a ela se lle facía presente cando no exilio pensaba no seu regreso- e despois no Campo da Rata para aventar as súas cinzas foi, sen dúbida, a fin do retorno dunha familia exiliada que nunca deixou de lembrar aqueles anos nos que foran felices. E tampouco deixou de soñar cun regreso que xa só a morte conseguiu facer realidade.

Comentarios