Arrinca en Ames unha nova edición do Cinema Miúdo

As entradas están dispoñíbeis na Billeteira electrónica do Concello de Ames e os espectáculos preséntanse nas casas da cultura do Milladoiro e Bertamiráns.
Unha crianza nunha das proxeccións do Cinema Miúdo de 2022. (Foto: Paula Cermeño)
photo_camera Unha crianza nunha das proxeccións do Cinema Miúdo de 2022. (Foto: Paula Cermeño)

Desde esta quinta feira e até o vindeiro domingo, 19 de novembro, os auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollen a sexta edición do festival internacional de cinema infantil Cinema Miúdo. Na mañá de hoxe foi a sesión escolar, que se repetirá esta sexta feira. Nesta edición, por primeira vez, hai sesións escolares para mozos e mozas que cursan Secundaria.

Desde a sexta ás 17 horas, até o domingo ás 20h, desenvolverase a selección oficial de Axóuxeres e Buxainas, así como o obradoiro Make a Remake e mais a película Oink, oink!. Ademais, este ano como novidade inclúese unha sesión especial fóra de concurso pensada para ser compartida entre avoas e avós e as súas netas e netos con traballos que xiran arredor da familia.

As entradas están dispoñíbeis na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O abono para asistir ao festival ten un prezo de 3 euros e até o de agora vendéronse máis de 120 abonos. O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “se trata dun festival xa asentado na programación municipal que vai medrando tal e como demostra o feito de que en 2022 incrementou o público en 50% respecto ao ano 2021.

Aliás, Cinema Miúdo comeza a ter un nome na península ata o punto de que Cinanima, o festival de animación máis importante de Portugal, ten este ano unha sesión de Cinema Miúdo. O festival amesán está adherido ao Pacto Cultura Sustentable que difunde, defende e avoga pola redución e control de consumos nos eventos culturais, así como políticas de igualdade e sustentabilidade”.

A selección oficial está dividida en dous bloques por idades: Axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos, e Buxainas, para maiores de 7. Está formada por curtametraxes internacionais inéditas e complicadas de atopar nas plataformas que espertan nas xeracións máis novas empatía e a vontade de descubrimento cara outras culturas.

Os bloques Axóuxeres e Buxainas serán proxectados na tarde desta sexta feira, sábado todo o día e domingo pola mañá. Nesta sexta edición a programación xirará arredor das familias, facendo fincapé na súa diversidade e amosando familias de todo tipo e de varias partes do mundo. As curtas da selección oficial compiten por alzarse cos premios do xurado e o público e serán as crianzas ás que, cos seus aplausos ao finalizar cada sesión, decidan os filmes gañadores. Cinema Miúdo repartirá máis de 1.400 euros en premios.

Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames en 2018. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego "a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo". O seu obxectivo desde 2018 é "formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual".

Comentarios