Volta a Ames unha nova edición do festival infantil 'Cinema Miúdo'

O certame proxectará diversas curtas internacionais.
Peter Punk actuará nesta quinta edición do Cinema Miúdo. (Foto: Festival Cinema Miúdo)
photo_camera Peter Punk actuará nesta quinta edición do Cinema Miúdo. (Foto: Festival Cinema Miúdo)

O concello de Ames acolle a partir desta quinta feira a quinta edición do festival Cinema Miúdo, que decorrerá até o domingo. Todas as actividades do programa deste festival internacional de cinema infantil terán lugar na Casa da Cultura do Milladoiro e na de Bertamiráns.

O certame abrirá as súas portas ao público a partir desta sexta feira, acollendo todas as persoas, crianzas e adultas, que queiran achegarse ao cinema infantil dunha forma diferente, a través dunha sección oficial formada por curtametraxes internacionais que non chegan habitualmente ás salas de cinema e que amosan realidades e puntos de vista de cada recuncho do mundo, promovendo unha ollada global e solidaria.

Neste caso, a sección de curtametraxes infantís chega de moitas partes do mundo, como o filme francés Efecto Dominó, a valenciana Chimborazo, a coreana Piropiro, ou Migrant, que conta as peripecias de dous osos polares que migran polo derretemento do Polo norte. Os filmes están divididos por idades.

Esta nova edición leva por subtítulo Unha aperta ao planeta, xa que moitas das curtametraxes proxectadas terán como protagonista o medio natural. Desta forma, e segundo indican desde o festival, o cinema serve como vehículo de coñecemento e sensacións así como de ferramenta spara facer que as novas xeracións comprendan os efectos do cambio climático e desenvolvan unha conciencia ecolóxica

A programación inclúe un obradoiro de zootropos, recomendado para crianzas de entre sete e 12 anos. Trátase dun xoguete óptico moi popular no século XIX que está nas bases do cinema de animación. Está composto por un tambor circular dentro do que se colocan imaxes que, ao facelo xirar, cobran movemento.

O programa tamén conta coas actuacións de Barafunda e Peter Punk, proxeccións complementarias e unha sesión de videoclips. A entrada a todas as actividades é gratuíta, pero é recomendábel reservar con antelación na billeteira do Concello de Ames.

O Cinema Miúdo

O Cinema Miúdo é un festival de cine infantil que nace da Concellaría de Cultura do Concello de Ames en 2017. O certame busca propiciar que a rapazada descubra o gusto polo cinema así como formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo individual.

Comentarios