Obras fundamentais do cinema militante e político pasarán polas diversas pantallas do certame. A batalla de Chile (Patricio Guzmán, 1976), O fondo do aire é vermello (Chris Marker, 1977), A Chinesa (Jean-Luc Godard, 1969) ou O Acoirazado Potemkin (Sergei Einsenstein, 1925) ofrecen puntos de vista singulares e complexos sobre sucesos fundamentais do século XX: o proceso revolucionario encabezado por Salvador Allende, as vitorias e derrotas da esquerda no ronsel da descolonización, o Maio francés ou a Revolución Rusa.
Na sección a concurso da 31 edición do Cineuropa, 37 directoras e directores de reputada actualidade amosarán os seus traballos máis recentes. Os franceses Robert Guédiguian, Philippe Garrell ou Agnés Vardá, o portugués Pedro Pinho ou o ruso Andrei Zvyagintsev entre eles. Panorama Internacional, repaso do máis salientábel da tempada de festival, acollerá os novos filmes de Frederick Wiseman, Naomi Kawase ou Lucrecia Martel.
Amais de Costa-Gavras, autor de Z (1969), Desaparecido (1981) ou O Capital (2012), as directoras Carla Simón (Barcelona, 1986) e Manuel Martín Cuenca (Almería, 1964), e o actor Leonardo Sbaraglia (Buenos Aires, 1970) tamén obterán o recoñecemento do festival.
O 25 de novembro, a cineasta galega Anxos Fazáns ofrecerá, nunha sesión especial, a preestrea de A estación violenta, a súa primeira longametraxe rodada entre Compostela e a Illa de San Simón e baseada nunha novela do xornalista Manuel Jabois.
"O obxectivo é achegarse ao proceso revolucionario dende perspectivas diversas, ao tempo que reivindicar a dimensión colectiva no cinema", expuxo na presentación do programa o director de Cineuropa, José Luis Losa, "nun momento no que as fórmulas e tendencias de ocio incitan, cada vez máis, ao seu consumo individualizado e acrítico". A mostra cinematográfica está organizada polo Concello de Santiago e conta, entre outros, coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta, o Goberno central e numerosas entidades privadas.