O cine vello que abre como libraría nova

Máis de cincuenta anos leva aberta a libraría Bahía en Foz. Toda unha historia na Mariña que agora se traslada a outro espazo con moita memoria: o edificio que outrora ocupaba o cine da localidade. 

Cine vello en Foz
photo_camera Cine vello en Foz

En 1936 inaugurárase como cine. O edificio conserva aínda as lembranzas de tantos veciños e veciñas de Foz que viron alí as súas primeiras películas. Logo pechou, como tantas salas a través de todo o territorio. Agora Cielo Fernández e o seu home trasladan ao que foi noutro tempo espazo cultural a súa libraría, a Bahía, que leva vendendo libros na localidade máis de cincuenta anos. 

En Foz xa non hai salas de cine, como na maior parte das vilas do país. O edificio que albergaba a pantalla pola que pasaron moreas de películas quedou en desuso e só agora a cultura volve ocupar un espazo no que aínda ecoa a memoria dos diálogos de cine. Uxía e Magín Blanco poñen música á inauguración esta sexta feira día 31 e a proxección dun filme como chiscadela á historia do local anuncian unha xornada de inauguración esta sexta feira que promete converterse nun acontecemento na localidade. 

O regreso da cultura

Detrás desta iniciativa están Cielo Fernández e o seu home. Cielo decidiu tomar as rendas da libraría que seus pais abriron hai máis de cincuenta anos. Filla do cronista local de Foz, Suso Fernández, herda tamén do seu proxenitor a vontade de “axitación cultural” e quere que a súa nova libraría se converta nun espazo cultural cunha programación estábel. 

A actividade volverá así ao antigo cine, un dos últimos edificios históricos de Foz, cando esta sexta feira abra as súas portas para albergar a libraría Bahía, que traslada os libros desde o local vello onde quedará a sección de xoguetería do establecemento. “Meus pais alégranse moito. Alegráronse cando nos fixemos cargo da libraría e agora cando abrimos o novo local. Viven o proxecto con moita ilusión”, comenta Cielo, que se anima a dar pasos adiante a pesar da crise que convida a ser comedida. “Levamos moito tempo e a confianza da xente fai que teñamos ánimo. Saben que dámos unha atención persoal e que, se non temos o título que piden non tardamos en conseguilo”, explica, dunha das ventaxas que ten mercar nas librarías. 

Presentacións de libros e outras actividades acompañarán a actividade comercial no local do vello cine. A Bahía presta unha especial atención á sección infantil e xuvenil e ao libro galego aínda que non é un establecemento especializado. Como os antigos colmados, a libraría ten que ter de todo. A propietaria destaca a atención e o coidado tamén coas editoriais minoritarias que, da súa man tamén chegan a Foz. 

A memoria de "Papaíto"

Na inauguración entregarán un tríptico no que contan a historia do cine que agora abre como libraría. O autor é o cronista oficial de Foz, Suso Fernández, tamén fundador da libraría Bahía. Non era difícil deseñar esta primeira iniciativa. O cine pechouse en 1952 coa morte de Xesús Cageao, Papaíto, o popular personaxe que rexentaba a sala na que as películas, por veces, acompañábanse con música ao vivo. No texto lémbrase que, nos duros anos corenta, Pajarito non deixaba ningunha crianza da localidade sen cine e, coa película comezada, saía á porta e daba a orde máis agardada, que pasaran para adentro tamén os que non conseguiran a peseta que custaba a entrada. 

Cando na vila se soubo que a Bahía ía abrir de novo o vello cine non tardaron en aparecer historias e lembranzas, coa capacidade evocadora que teñen as antigas salas. O cronista non podía deixar pasar a oportunidade para documentar o espazo que agora será a libraría que montou hai máis de medio século. Un edificio da historia de Foz que se abre agora de novo ao futuro. 

Comentarios