Un ciclo de cinema de animación e unha audioficción en Viñetas desde o Atlántico

O programa completo do 26º festival internacional da banda deseñada da Coruña inclúe, tamén, visitas guiadas, unha mesa redonda, obradoiros profesionais e infantís, un encontro sectorial e a tradicional Rúa da BD, con máis de 40 expositores de librarías e editoras de referencia do sector.

O programa de Viñetas desde o Atlántico inclúe  música, obradoiros, exposicións, un combate de ilustración e outras actividades.
photo_camera O programa de Viñetas desde o Atlántico inclúe música, obradoiros, exposicións, un combate de ilustración e outras actividades.

Visitas guiadas, audioficción, música, cinema, obradoiros profesionais e infantís, un encontro sectorial, unha mesa redonda, a xa tradicional Rúa da BD -que concentrará máis de 40 expositores de librarías e editoras de referencia do sector do cómic de todo o Estado, con firmas de libros, charlas e outras accións abertas ao público- e o programa parelelo de Autobán conforman o programa completo do 26º festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña Viñetas desde o Atlántico este 2023.

Da man de Viñetas 2023, Laura Pérez Vernetti e os italianos Teresa Radice e Stefano Turconi visitarán á Coruña para ofrecer unha visita guiada ás súas exposicións, mentres que a mostra ¡Mujercitas del mundo, uníos! contará tamén cun paseo guiado polos seus comisarios.

Pola súa banda, o Teatro Colón acollerá unha mesa redonda coas pioneiras do cómic underground adulto, ademais de programar, tamén, a novidosa audioficción da novela gráfica O lume, de David Rubín, elixida como o mellor cómic do Estado de 2022. 

O cinema e a música súmanse este 2023 á órbita de Viñetas desde o Atlántico con dúas propostas que terán lugar, tamén, no Teatro Colón: por unha parte, os filmes de animación Lupin III: The FirstSpider-Man: Into the Spider-VerseThe First Slam Dunk e Akira 4K conforman o novo ciclo de cinema Órbita Animada.

Por outra parte, o público poderá gozar, tamén no Teatro Colón, dun concerto ilustrado, que fusionará en directo a música da banda coruñesa de metal y sludge Hongo coas ilustracións creadas ao vivo polos artistas de BD da Coruña Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde. 

Ademais, este 2023 Viñetas desde o Atlántico quere tender pontes co sector da banda deseñada coruñesa e suma a celebración paralela do mercado de autoedición Autobán, con máis 70 propostas artísticas chegadas de toda a Península, ademais de música, obradoiros, exposicións, un combate de ilustración e outras actividades, que se celebrarán o sábado 12 de agosto na Praza de San Andrés ao longo de toda a xornada.

Comentarios