Miguelanxo Prado renuncia á dirección de Viñetas desde o Atlántico após 25 anos

O debuxante aclarará esta quinta feira en rolda de prensa os motivos da dimisión.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, e o debuxante Miguelanxo Prado. (Foto: Europa Press)
photo_camera A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, e o debuxante Miguelanxo Prado, na presentación da última edición do festival. (Foto: Europa Press)

Cando restan catro meses para a súa próxima edición, o festival Viñetas desde o Atlántico perde o seu gran valedor: o debuxante Miguelanxo Prado renuncia como director, cargo que ostentou ao longo de toda a vida deste popular certame celebrado na Coruña, que o pasado ano alcanzou os 25 anos.

Prado, que formalizou a súa dimisión o pasado 23 de marzo, convocou a prensa esta quinta feira, ás 11.15 horas, para detallar as cuestións que motivaron a súa saída, cuxos pormenores aínda non transcenderon.

Non tardaron en chegar as reaccións desde diferentes ámbitos da sociedade galega. "A banda deseñada galega acaba de perder o mellor festival de bd do país. Viñetas desde o Atlántico sen Miguelanxo Prado, xa non é Viñetas! Será outra cousa...", lamentou o tamén debuxante Kiko da Silva.

Para Mercedes Queixas, académica da RAG e deputada do BNG no Parlamento galego, a cuestión política toma relevancia: "Non podemos seguir a perder oportunidades en creación e difusión cultural. Viñetas desde o Atlántico precisa e merece impulso desde o Goberno municipal", afirma, ao tempo que agradece o "traballo exemplar" de Prado.

Tamén se sumaron aos agradecementos desde a Marea Atlántica: "Miguelanxo, autor recoñecido en todo o mundo polo seu talento e o seu estilo único, implicouse a fondo nestas décadas para facer do Viñetas desde o Atlántico toda unha referencia. Grazas a el puidemos ver na Coruña a algúns dos máis grandes nomes da banda deseñada. E grazas ao Viñetas agromou na cidade unha xeración de artistas que obtiveron tamén recoñecemento mundial, coma David Rubín, Emma Ríos ou Alberto Vázquez".

Comentarios