mércores 14/04/21
Albums de aquí e acolá / Mar Catarina, de Esposa

“Chorando apréndese' é un fito na música contemporánea”

Mar Catarina (Pontevedra, 1988) fai parte dalgúns dos máis interesantes proxectos do pop galego e en galego. Fotógrafa e teclista, participou no disco Postal (2016), co que Chicharrón -banda de base en Carballo- levou a melancolía eléctrica a lugares descoñecidos para a música en galego. Na actualidade centra os seus esforzos musicais en Esposa, que este ano debutaron co contaxioso pop punk de Xardín interior.
 

Mar Catarina con Chicharrón
Mar Catarina no grupo Chicharrón. Foto: Rosalía Martínez Souto.


“Levaba meses escoitando o disco de Apeiron Todo sigue intacto por recomendación dun amigo”, lembra, “aquelas cancións teñen unha aureola de misticismo, urxencia e inocencia que as dotaba dunha emoción inédita”. Apeiron foi a cápsula musical -pop electrónico de cámara- en que se deu a coñecer Emilio José (Quins, 1984). Mais a gravación que escolle Catarina non é Todo sigue intacto, senón a seguinte obra do de Quins.

emilio josé - chorando apréndese (2009)

Chorando apréndese colleume desprevida. Foi unha gran sacudida, o impacto do macrocosmos dun autor que se libera”, explica sobre un disco dobre que abraiou Galiza e parte do exterior coa súa electrónica pop, hip hop abstracto e lírica indomábel. “O rural universal e o sentimento case xeracional que non evoluciona e oprime a quen non o pode vivir como quixera”, resume, “do amor á política, á raiba... É un corta e pega emocional que marca para min un fito na música contemporánea galega”.

Máis alá do sistema solar de Emilio José -que continúa a súa expansión co mastodóntico triple Agricultura Livre (2015) e as súas inabarcábeis mixtapes-, Mar Catarina remítese a Beach House, dúo de Baltimore que en 2010 axitou a escena independente con Teen Dream. “Como todos os discos que me afectan, este tamén me pillou desprevida”, di, “atrapáronme as melodías delicadas e etéreas dos teclados”. Que, admite, influíron na súa maneira de enfrontarse ao instrumento.

beach house - teen dream (2010)

Teen Dream foi o traballo que substituíu o seu preferido de adolescencia, Siamese Dream (1993) de Smashing Pumpkins. “Até Teen Dream non volvera atopar ningún disco con ese influxo sobre min”, fai memoria, “e penso que a miña inclinación por Beach House é unha das razóns polas que comecei a tocar en bandas”.