Chocolate, poesía e amor

Cultura e doces. A casa reposteira de Ourense Fina Rei xúntase coa poeta Yolanda Castaño para promover a iniciativa máis doce para o día de San Valentín. Frechas de chocolate con poemas.

 
Cartel da Frecha de chocolate
photo_camera Cartel da Frecha de chocolate

Acértalle no corazón” é o título da iniciativa que busca un agasallo doce e poético para o 14 de febreiro. Duas mulleres de recoñecida traxectoria nos seus ámbitos, a repostería e a poesía, son as autoras desta creación que consiste nunha frecha de chocolate rematada nun corazón que inclúe un poema de amor da autoría de Yolanda Castaño.

A maridaxe do chocolate coa poesía é unha creación da casa Fina Rei que leva corenta anos dedicándose á repostería tradicional e creativa. Desta volta para a súa nova creación botou man dos versos de Yolanda Castaño que participou da iniciativa ofrecendo os poemas que se incluirán no doce e amoroso agasallo que se pode adquirir na confitaría ourensá. Yolanda Castaño xa experimentou na unión da arte culinaria e a literatura no libro “Cociñando a pé da letra” no que, canda a fotógrafa Andrea Costas, ofrecía un recetario de autores e autoras da nosa literatura co seu retrato coas mans na masa.

Cultura na pastelaría

A unión da repostería e a cultura está tamén na orixe do ciclo “Músicas doces” que a Central organiza canda a pastelaría La Esquina de Arzúa. Unha vez por mes, no mesmo local da pastelaría, o público asiste a un concerto acompañado dun bocado doce. Davide Salvado con pastel amendoado e tartiña de Santiago foi a oferta do mes de febreiro, á espera de que marzo veña cos sons de Ugia Pedreira máis unha caña de crema e abril con Ariel Ninas xunto con melindres.

Comentarios