Retrospectiva de Chichi Campos na Fundación Luis Seoane

Comisariada por Nico Campos, a mostra é a primeira gran retrospectiva realizada en trinta anos sobre a obra do humorista gráfico galego.
'Convertindo a Castelao', de Chichi Campos.
photo_camera 'Convertindo a Castelao', de Chichi Campos.

Hoxe, ás 20 horas, a Fundación Luis Seoane da Coruña acollerá a inauguración da exposición Xesús! 70 anos de Campos, un proxecto que reunirá 300 pezas realizadas polo humorista gráfico Xesús Campos Álvarez, Chichi Campos, que retratou a Galiza das décadas de 1970 e 1980.

Campos foi testemuña dunha época na que todo semellaba posíbel e do rápido desengano posterior, uns acontecementos políticos, históricos e sociais que foi plasmando nuns debuxos que deixaban ver a súa enorme cultura, o seu sentido do humor, a súa ironía e unha lucidez que anunciaba con bastante precisión o mundo no que vivimos hoxe. 

Fotografías, obxectos persoais, debuxos, cómics, revistas, libros de artista, deseños, guións e documentación diversa compoñen un proxecto comisariado por Nico Campos que recupera e reivindica a un autor que, malia a súa desaparición prematura, deixou unha fonda pegada na cultura galega a través das súas viñetas, dos contidos que escribiu para unha entón incipiente televisión autonómica, das exposicións nas que participou e das persoas coas que colaborou ou que se cruzaron no seu camiño durante a súa breve pero intensa traxectoria.

Documental

A exposición complétase coa proxección do documental Chichi e mais eu, que vén de estrearse na mesma Fundación. Nel, Nico Campos elabora un retrato do seu pai a través de entrevistas a amigos, colaboradores e familiares. Xunto ao filme, a Fundación editará unha publicación na que aparecerán traballos inéditos de Chichi –guións, debuxos, textos e mesmo un bestiario da política nacional de finais do 80– pertencentes ao Fondo Documental de Chichi Campos. 

A exposición poderá visitarse até o 1 de outubro.  

Comentarios