Chega unha nova edición do certame de fanfiction en galego "A mocidade completa a historia"

Dirixido á mocidade de entre 14 e 20 anos, o concurso convida a crear obras artísticas inspiradas na triloxía Os seres completos, de María Reimóndez. O prazo de participación estará aberto até o 6 de abril.

A escritora María Reimóndez en Vigo durante a conversa con 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)
A escritora María Reimóndez en Vigo durante a conversa con 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)

O certame de fanfiction en galego "A mocidade completa a historia" volve cunha segunda edición que aposta pola creatividade, o pensamento crítico e a imaxinación da xente nova. A iniciativa, dirixida a mozas e mozos de entre 14 e 20 anos, propón como punto de partida a triloxía de ciencia ficción Os seres completos, da escritora María Reimóndez, e establece como data límite para a presentación de obras o vindeiro 6 de abril.

Aproveitando o debate xurdido arredor do uso das intelixencias artificiais no ámbito educativo e polo avance de discursos belicistas a nivel global, o certame preséntase como unha proposta alternativa centrada no valor da arte para interpretar o presente e imaxinar futuros distintos. A través da creación artística, búscase estimular unha reflexión colectiva sobre o papel da tecnoloxía, a igualdade, a ecoloxía ou a diversidade sexual e de xénero, cuestións centrais na triloxía literaria que serve de base ao concurso.

As novelas Cobiza (2021), Multitudes (2023) e Retorno (2024) convértense así nunha ferramenta pedagóxica e creativa para profesorado e alumnado, abrindo a posibilidade de construír narrativas alternativas —distópicas ou utópicas— a partir dun futuro aínda por definir. O certame aposta pola fanfiction como espazo de liberdade creativa, entendida como a elaboración de novas historias, enfoques ou formatos a partir dunha obra xa existente.

Poden presentarse ao concurso todo tipo de creacións artísticas baseadas na triloxía, sen limitación de formato: relatos, poesía, debuxos, viñetas, vídeos, pezas musicais, xogos ou propostas híbridas. A participación pode ser individual ou colectiva, deixando plena liberdade á imaxinación e ás capacidades expresivas das persoas participantes.

O premio consistirá nun lote de libros e nunha mentoría individualizada coa propia María Reimóndez. A resolución do certame darase a coñecer o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galega. As obras deberán enviarse até o 6 de abril ao enderezo electrónico osserescompletos@gmail.com, indicando no asunto "Certame A MOCIDADE COMPLETA A HISTORIA".

Comentarios