mércores 20/01/21

O CGAI dedica unha completa retrospectiva a Wong Kar-wai

A filmoteca fai este 2021 o seu 30 aniversario
'Desexando Amar', de Wong Kar-wai. (Foto: Nós Diario)
'Desexando Amar', de Wong Kar-wai. (Foto: Nós Diario)

O Centro Galego de Artes da Imaxe iniciou hoxe a carteleira de 2021, ano no que a filmoteca fai o seu 30 aniversario. Durante este mes, programará 18 sesións na sede da Coruña, entre as que destaca a primeira parte dunha retrospectiva do icónico director hongkonés Wong Kar-wai, ademais da continuación do ciclo sobre o cinema negro de Robert Siodmak.

Este mestre do xénero inaugurou o ano esta quinta feira cunha sesión do clásico Foraxidos, que se proxectará tamén hoxe e ao que seguirán Unha vida marcada (días 12 e 13), O abrazo da morte (días 15 e 16) e O caso de Thelma Jordon (días 19 e 20).

Xaneiro tamén virá marcado pola primeira parte do ciclo Universo Wong Kar-wai, que ofrecerá as restauracións en 4k de sete dos seus filmes polo 20 aniversario de In the Mood for Love (Desexando amar, 2000), título que o consagrou como autor imprescindíbel do cinema contemporáneo.

A retrospectiva comeza con As tears go by o 21 de xaneiro e o 2 de febreiro, e Days of Being Wild, 26 e 27 de xaneiro.

No mes que vén, o CGAI exhibirá tres dos títulos cos que Wong Kar-wai alcanzaba nos 90 a categoría de cineasta de culto: Chungking Express, Fallen Angels e Happy Together, para alén de 2046 e da emblemática In the Mood for Love.

Novo Cinema Galego

Mañá o CGAI programa unha nova sesión de Off Galiza -dedicada a conmemorar o décimo aniversario do Novo Cinema Galego- con tres traballos de Xurxo Chirro: Gran Hotel, Carta a Herzog e DE BARRIO.

En xaneiro lembraranse tamén os inicios do cinema profesional galego unha nova entrega da sección Pensando en cine, pensando en Galicia, comisariada por Antón Reixa.

comentarios