César Portela premiado pola súa traxectoria profesional

O xurado valorou a “solidez” da traxectoria de Portela, “como referente galego para novas xeracións tanto na arquitectura como no urbanismo”.
César Portela recollendo o galardón do CSCAE.
photo_camera César Portela recollendo o galardón do CSCAE.

O arquitecto César Portela (Pontevedra, 1937) recolleu a Medalla de Ouro da Arquitectura, outorgada ás "mellores traxectorias profesionais" polo Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España (CSCAE). O xurado valorou a “solidez” da traxectoria de Portela, “como referente galego para novas xeracións tanto na arquitectura como no urbanismo”, e destacou un labor "que supera o seu ámbito natal para proxectarse internacionalmente”.

 
César Portela estudou Arquitectura nas Escolas Técnicas Superiores de Arquitectura de Madrid e Barcelona. En 1966, obtivo o título de doutor. Na súa ampla traxectoria destacan obras de construción, como a Estación de Autobuses de Córdoba, que lle valeu, en 1999, o Premio Nacional de Arquitectura; a Estación Central de Valencia, o Museo de Historia Natural da Galiza (Ferrol), o Pazo de Congresos e Ocio e o Edificio Domus, na Coruña; o Cemiterio Municipal de Fisterra, a Estación de Ferrocarril de Cádiz; o Auditorio Mar de Vigo e a terminal do aeroporto da citada cidade; o Museo Etnográfico Togamura, en Xapón, e a Torre de Control de Sharm El-Sheik, en Exipto, entre outros.

 

Portela tamén proxectou intervencións en espazos públicos, como o Plan director Cabo Fisterra, a rehabilitación da Illa de San Simón ou o Plan especial de intervención no Pazo de Oca (A Estrada) e a súa contorna, recoñecido en 1981 co Premio Nacional de Urbanismo. A estes recoñecementos súmanse distincións e honras de diversas institucións nacionais e internacionais.

Profesor invitado en numerosas universidades e institucións de todo o mundo -entre elas, a Escola Superior de Arquitectura de Pamplona, ​​Nancy (Francia), Lisboa e Weimar (Alemaña)-, tamén dirixiu diversos seminarios e obradoiros de arquitectura, algúns tan relevantes como o impartido, en colaboración con Aldo Rossi, en Santiago de Compostela (1974).

Comentarios