O Centro Dramático Galego reúne unha ducia de directores europeos para promover a diversidade lingüística e cultural

EuropaPress_5459308_fotografia_da_nota_centro_dramatico_galego_recibe_unha_ducia_directores

O Centro Dramático Galego reúne na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, unha ducia de directores escénicos chegados de sete países para asistir a un dos encontros do proxecto europeo 'Phone' para pór en valor a diversidade lingüística e cultural de Europa a través do teatro.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, recibiron os participantes deste encontro, que ten como eixo central a posta en común dos procesos creativos de cada un das montaxes teatrais que se desenvolven no marco desta iniciativa por parte dos seus responsábeis artísticos.

Valentín García subliñou a importancia de programas deste tipo nos que "a lingua galega se internacionaliza en espazos europeos onde hai sensibilidades por linguas como a nosa".

"Por iso, para nós é importante o Centro Dramático Galego xa que é chave contar cun centro teatral de referencia que nos permite proxectarnos e intercambiar coñecemento con tan prestixiosas entidades como as aquí representadas", manifestou.

Así, pola parte galega, participan Tamara Canosa e Xacio Baño, que asinan a dramaturxia do espectáculo do 40º aniversario do CDG, baixo a dirección da propia Canosa.

O resto das propostas están a ser producidas polo Fryske Toaniel Stifting Tryater (Países Baixos), Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bautzen (Alemaña), Teatrul Evreiesc de Stat (Romanía), Stadttheater (Italia), Fibin Teo (Irlanda), Teatr Piba (Bretaña/Francia) e Kvääniteatteri (Noruega).

Deste modo, canda o galego, están representados neste proxecto europeo o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o kven.

O nexo común de todas as montaxes, tal e como detallou a Xunta, ten que ver co emprego de métodos de escritura biográfica/documental e de teatro comunitario interxeracional, ademais da aposta por novos formatos escénicos e a aplicación de novas tecnoloxías e ferramentas dixitais.

‘Phone’

O proxecto europeo 'Phone' do programa Europa Creativa supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando polas linguas e, cun horizonte en 2024, prevé obter como resultado máis de 170 accións culturais vinculadas ao mundo teatral.

Comentarios