O proxecto estará na rede desde o domingo

O CCG estrea un documental no cabodano de Julio Camba

O Consello da Cultura conmemora os 59 anos do pasamento do xornalista Julio Camba coa estrea, en liña, dun documental sobre os seus primeiros anos na profesión da man de Arraianos Producións.
Julio-Camba
photo_camera O xornalista de Vilanova de Arousa, Julio Camba. (Foto: Nós Diario)

O domingo 28 de febreiro de 1962 falecía en Madrid o xornalista de Vilanova de Arousa Julio Camba. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora coa posta en liña do documental O principio do mundo en Julio Camba, un audiovisual centrado nos seus primeiros anos na prensa literaria hispana. A institución tamén incorpora esta figura das letras ao Álbum de Galiza.

Sobre o documento, o vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, destaca que “reivindicamos esta primeira etapa por ser a menos coñecida, unha etapa bohemia na que foi expulsado da Arxentina por mor do seu activismo no marco dos movementos anarquistas e que encaixa dentro das preocupacións da institución pola súa condición de emigrante e por ser un reputado xornalista”.

Dirixido e guionizado por Aser Álvarez, O principio do mundo en Julio Camba explica en 25 minutos como foi a forxa do xornalista de Vilanova, a súa infancia e “esa primeira formación política, vital e humana tanto na Galiza como en Bos Aires”. “O seu primeiro achegamento ás américas é un aspecto moi descoñecido da súa biografía” explica Aser Álvarez. 

O traballo remata no momento en que Camba regresa de Arxentina e se instala en Madrid, onde comeza a súa carreira como xornalista, aínda que os seus primeiros pasos no mundo do xornalismo teñen lugar en Bos Aires.

O audiovisual incide tamén noutros aspectos da personalidade de Julio Camba, como a independencia, o individualismo que mantivo ao longo da súa vida, e a súa orixinalidade. O director do traballo afirma que “mantivo un espírito aventureiro, non era nada acomodaticio e estivo sempre caracterizado polo seu sentido do humor, a súa retranca e a súa ironía”.

Para trazar os inicios de Julio Camba, o documental conta coa participación dos historiadores Ramón Villares e Xosé Manoel Núñez Seixas; coas achegas de dous dos biógrafos do autor, Pedro López e Benito Leiro; e da escritora e tamén xornalista Rosa Aneiros, ademais botar man da presenza de veciños que o coñeceron na súa vila natal.

Aser Álvarez, responsábel de Arraianos Producións, asina tamén a biografía sobre a figura de Julio Camba que se incorpora, tamén desde este domingo, ao Álbum de Galiza do Consello da Cultura.

Comentarios