Catro obras para celebrar o Día do Teatro

A área de Cultura da Deputación da Coruña ofrece unha programación especial co gallo do Día Mundial do Teatro: catro espectáculos chegarán, en dez funcións gratuítas, a nove teatros.

'Papagena', de ButacaZero.
photo_camera 'Papagena', de ButacaZero.

A área de Cultura da Deputación da Coruña volverá ofrecer este ano unha programación especial co gallo do Día Mundial do Teatro, que se celebrará o 27 de marzo. Entre o 21 deste mes e o 7 de abril catro espectáculos chegarán, en dez funcións gratuítas, a nove teatros.

Así, Cancións amarelas, flores tristes, da compañía Manekineko, poderá verse no Pazo da Cultura de Carballo (21 de marzo), no Auditorio de Rianxo (23 de marzo) e na Aula de Cultura Xulio Cuns, de Betanzos (6 de abril). Papagena, de ButacaZero, no Auditorio Municipal de Padrón (26 de marzo) e no Teatro Colón, da Coruña (27 de marzo).  As alumnas, de Culturactiva Producións, tamén no Teatro Colón (30 de marzo). Finalmente, Boa sorte, mala fama, da compañía Tarabela Creativa, no CIRS de Ares (26 de marzo), no Salón de Actos Culturais de Laxe (27 de marzo), no Auditorio Municipal de Cerceda (31 de marzo) e na Casa da Cultura de Visantiño, en Santiso (7 de abril).

“As artes escénicas”, valorou a deputada de Cultura, Natividade González, “ocupan un lugar destacado na programación propia do noso departamento durante todo o ano que reflicte a importancia do sector na cultura xa non da provincia, senón de todo o país; e non podía ser menos nunha data tan sinalada coma o Día Mundial do Teatro”.

 

Temas de actualidade

Nesta ocasión seleccionáronse catro propostas que ofrecen miradas diferentes, desde a humor, o drama, a comedia ou a música, a temas que nos atinxen a todos e sobre os que cómpre reflexionar: a loita contra o sexismo, a educación ou a emigración. 

A loita contra o sexismo queda patente en Papagena; a importancia da educación e da memoria histórica, en As alumnas. En Boa sorte, mala fama, trázase un paralelismo entre as anduriñas e os emigrantes galegos. E Cancións amarelas, flores tristes fala da soidade como un mal da sociedade contemporánea.

Comentarios