Antía Muíño lidera a listaxe de mulleres músicas de 'Spotify' no Estado

O tema 'Terra' baséase nun poema de Manuel María.
A santiaguesa Antía Muíño é a autora do disco 'Carta aberta'. (Foto: Raso estudio)
photo_camera A santiaguesa Antía Muíño é a autora do disco 'Carta aberta'. (Foto: Raso estudio)

A cantautora santiaguesa Antía Muíño, recente premio Martín Códax á Mellor Artista Emerxente, debuta en solitario co disco Carta aberta, da produtora Raso estudio neste 2022. Con este traballo publicado o pasado 24 de novembro vén de ser seleccionada pola plataforma de streaming musical Spotify como embaixadora da música española na listaxe EQUAL, que recolle o talento feminino feito en distintos lugares do mundo, e neste caso do Estado español.

A listaxe non só inclúe o seu tema Terra, senón que a artista protagoniza a súa portada. Segundo recolle a propia artista nas súas redes sociais "tamén protagonizo a portada... de tolos, non? Para un proxecto pequeno e independente como o meu, isto son palabras maiores". A cantautora móstrase así orgullosa do feito e engade  que o mesmo "non fai máis que demostrar a forza que ten o traballo que se fai con honestidade e sendo fiel a unha mesma".

O selo co que traballa Muíño, Raso estudio, tamén compartía a súa ledicia. A compañía discográfica considera "un apoio incríbel" que Antía Muíño apareza na cabeceira da listaxe EQUAL no Estado español. "Demostra a maneira absolutamente transversal que está tendo Antía Muíño de cativar oídos en todo o mundo grazas ao seu falamante Carta aberta que publicamos hai só uns días e que non nos dá máis que alegrías", escribían.

Ademais, desde Raso estudio, con quen tamén traballa o coñecido Baiuca, anímanse a facer unha aposta: "2023 será o ano que confirme a nosa artista como unha das voces fundamentais da nova canción de autor. Un alumeamento do que en Spotify xa avistaron".

Antía Muíño comparte listaxe con artistas xa consolidadas como son as galegas Tanxugueiras, co seu tema Terra; a artista que representou ao Estado español no pasado festival de Eurovisión, Chanel con SloMo; a catalá Bad Gyal, que entra na listaxe coa canción La Prendo, ou as coñecidas Rosalía, Rigoberta Bandini, Mónica Naranjo e Nathy Peluso.

Manuel María segue de actualidade

Carta aberta é o primeiro disco de Muíño, onde combina ritmos tradicionais e pop con evocacións de jazz e bossanova. A cantautora, en conversa con Nós Diario o pasado 2 de decembro, sinalaba que, daquela, Terra era unha das cancións que máis lle gustaba de todo o disco. O tema escollido por Spotify para liderar EQUAL é unha canción que Muíño musicou adaptando o poema de Manuel María, con trazas de jazz e pop.

Comentarios