Máis

Cinco casas das letras galegas

Un itinerario Padrón-Rianxo-Cambados permite coñecer as casas de figuras imprescindíbeis da literatura galega así como vilas que foron testemuñas do traballo de autoras e autores do talle de Rosalía de Castro, Daniel Castelao, Rafael Dieste, Ramón Cabanillas ou Manuel Antonio.
Casas
photo_camera Arriba á esquerda, a casa de Manuel Antonio e debaixo a de Dieste. Arriba á dereita, a casa de Castelao e abaixo a de Rosalía.

A escasos metros do centro histórico de Padrón, está a Casa da Matanza, lugar de culto para a literatura galega que serve de punto de partida dun percorrido literario polas casas dalgúns dos nomes máis prestixiosos das letras galegas.

Alí residiu a autora fundacional, Rosalía de Castro, polo menos desde 1883, na etapa final da súa vida, cando a súa doenza xa estaba moi avanzada.

En 1971 o Padroado de Rosalía de Castro restaurou a vivenda, convertida hoxe nun santuario da Galiza como reivindicaba o galeguista Xosé Mosqueira nunha carta que lle remitiu a Otero Pedraio en 1946: “Temos de cabilar de que a casa onde morreu, con ser moito, non é todo nin moito menos; hai que pensar en facer dela un verdadeiro santuario da Galiza”.

Pasaron décadas até que o 15 de xullo de 1971 abriu as súas portas a Casa-Museo.
Na actualidade, a Fundación Rosalía promove na Casa da Matanza unha dinámica axenda. Veñen de celebrar con éxito o festival Abride a fiestra, o pasado 15 de xullo, un evento con visitas guiadas á Casa da Matanza, actividades gastronómicas, xogos infantís e actuacións musicais, co gallo da efeméride da morte de Rosalía.

Entre as vindeiras actividades está a Inchadiña Branca Vela, o 2 de setembro, unha ruta de navegación que congrega decenas de embarcacións tradicionais para remontar os ríos Ulla e Sar desde a praia fluvial de Vilarello, en Valga (comarca de Caldas) até o Espolón de Padrón. 

Rianxo, epicentro cultural

En dirección suroeste, a aproximadamente 20 km de Padrón, localízase outro enclave literario: a vila mariñeira de Rianxo,  berce de figuras insignes da literatura galega como Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio, 'o poeta do mar'. As súas casas forman parte do patrimonio cultural da vila.

En Rianxo pódese realizar o roteiro Castelao, que ofrece un percorrido que visita algúns dos puntos máis importantes da vila mariñeira relacionados co histórico nacionalista, entre eles, as casas dos tres autores rianxeiros. A casa de Castelao, mercada polo seu pai ao volver da emigración, é un edificio urbano típico das vilas mariñeiras galegas de finais do século XIX e comezos do XX. Na fachada principal destacan os balcóns mentres que na cara sur aínda se manteñen as cunchas de vieira que servían de protección contra a chuvia. 

O inmóbel foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2009, a pesar da oposición dos seus propietarios. O status de BIC, segundo o real decreto galego sobre este tipo de bens, estabelece a obriga de que os donos da propiedade fixen visitas para o público. Hoxe segue en mans privadas, un factor que dificulta o éxito do proxecto Academia Literaria que aspira a converter en museo as casas dos tres autores ilustres que naceron na vila.

A casa de Manuel Antonio é a casa natal do poeta, na que só viviu até os dous anos pero que frecuentou ao longo da súa vida. 

Alberga no primeiro andar unha colección de fotos da vila  de comezos do século XX feita polo seu curmán, o fotógrafo Pepito Pérez. No segundo recrea unha das estancias co mobiliario e no terceiro andar expóñense os cadernos de bitácora froito da súa navegación náutica. A casa museo tamén ofrece unha escolma da biblioteca, cos libros e revistas ás que se subscribiu, as cachimbas, a súa relación coas Irmandades da Fala, así como publicacións en diversas revistas literarias.

Esta casa foi a primeira dos proxectos impulsados pola Academia Literaria en abrir ao público. Foi inaugurada no mes de marzo en 2011. Aínda que desde o comezo recibiu unha boa acollida por parte do público, desafortunadamente hoxe atópase fechada. Descoñécese a data de reapertura.

A casa de Rafael Dieste constitúe, xunto ás vivendas dos outros autores, un dos puntos máis importantes de Rianxo.

A propiedade pertence desde 2007 ao Concello, unha adquisición que se tramitou co obxectivo de acondicionar o inmóbel e convertelo nunha casa museo, seguindo a liña de  actuación programada pola Academia Literaria. Porén, a vivenda aínda segue fechada.

Ademais das residencias dos autores rianxeiros, o roteiro Castelao inclúe outras localizacións vencelladas a estas figuras da literatura que cómpre visitar, como a Casa dos Aguirre, morada brasonada na que Castelao instalou a súa consulta médica.

A Casa de Arcos Moldes merece unha mención especial. Nesa vivenda residiu Xosé Arcos Moldes, amigo de Castelao, e nela organizábanse múltiples xuntanzas da mocidade ilustrada da vila, ás que asistía o propio Castelao. 

En 1910 naceu un proxecto común: o semanario O Barbeiro Municipal, que  se prolongou até marzo de 1914.

Tamén destaca a Casa Cándido, na praza Castelao. Nela inaugurouse a primeira libraría de Rianxo e conta con máis de cen anos de vida. O seu fundador foi Cándido C. González, amigo íntimo de Castelao. Os dous formaron parte da sociedade Pro-Cultura (1913). Este espazo tamén era o escenario de faladoiros que reunían Castelao, Eduardo Dieste (irmán de Rafael) e Arcos Moldes.

Cambados, fogar de Cabanillas

A casa natal de Ramón Cabanillas, 'o poeta da raza', no barrio de Fefiñáns (Cambados, O Salnés) foi transformada en casa-museo e abriuse ao público o 28 de xullo de 1998.

Debido á existencia dunha gran cantidade de material e contidos relacionados co autor e a súa obra, decidiuse trasladar a sede do museo a unha nova localización. Así, o 3 de xuño de 2021, día en que se celebraba o 145 aniversario do nacemento do poeta, inaugurouse o novo  museo  nas inmediacións da oficina de Turismo, e a casa ficou reservada para clasificar documentos de arquivo, aínda que tamén dispón dun espazo con mesas reservado para as reunións do equipo técnico de cultura que traballa co material.

O deseño do novo Museo Ramón Cabanillas de Cambados correu a cargo de Pepe Barro (creador precisamente do deseño de Nós Diario), que en todo momento respectou o traballo de Luís Rei, a primeira persoa que traballou na recompilación da obra de Cabanillas. Esta obra  gratificou notabelmente á neta do poeta, Pitusa Vidal Cabanillas, que reclamaba un espazo digno para pór en valor o seu avó.

Comentarios