As cartas que convidan a xogar coas árbores para coñecelas

“Árvores na Galiza” é un xogo de cartas para aprender as árbores presentes na Galiza. A Semente promove esta maneira lúdica de se achegar a nosa natureza. 

Cartas da Semente
photo_camera Cartas da Semente

“O descoñecemento das árbores por parte das crianzas é enorme e non son quen de distinguir un piñeiro dun carballo ou un eucalipto”, comeza Bruno Vilela un dos promotores do barallo desde as escolas Semente. Con este punto de partida decidiron editar un barallo de cartas que está a ter unha extraodinaria acollida e xa se esgotou nalgúns dos puntos de venda. 

O conxunto recolle as 50 árbores máis frecuentes na Galiza, incluídas algunhas que se atopan en parques e xardíns. Á hora de escoller as distintas especies, alén da súa relevancia na nosa paisaxe era preciso ter en conta as características que se prestaran para o xogo. “Tiñamos que buscar características comúns que fixeran que puideran competir entre sí”, explica Bruno ao tempo que anota que non son só autóctonas senón tamén outras como cedro, gingo ou plátano que as crianzas ven nos parques. Tampouco son as máis frecuentes xa que, pola súa relevancia, o barallo inclúe, por exemplo, o carballo anano do Pindo, especie que estivo a piques de desaparecer no incendio do monte mais que logo agromou despois das lapas. 

O castiñeiro dá puntos

Co asesoramento de tres biólogos, desde a Semente artellaron as distintas especies en dez campos cos que xogar, desde o tipo de folla até a densidade da madeira. “Trátase dun xogo co cal o obxectivo é que se familiaricen coas árbores e as distingan a través da carta e logo en contacto coa natureza”  sinala Bruno Vilela que ten vontade de que as crianzas se afagan a sobreiras, carballos, aciñeiras ou piñeiros. Os debuxos son do biólogo Martín Souto, experimentado xa na elaboración de guías verdes de plantas e xardíns. 

Canda o coñecemento, teñen como obxectivo a valoración das distintas especies arbóreas. Alén da madeira inclúen o que chaman o “valor asociado” no que o castiñeiro ocupa o posto de privilexio pola súa produción de castañas, pola vinculación co Apalpador e por outras razóns que fan del unha árbore de especial relevancia na nosa natureza. Nogueira, cerdeira ou oliveira teñen tamén lugares relevantes nun catálogo no que as especies invasoras perden puntos. 

O proxecto, como todos os das escolas Sementes, é autoxerido e a súa venda reverterá nos centros de Trasancos, Compostela e Vigo. Para se facer coas cartas crearon unha “rede solidaria” de establecementos  nos que está á venda mais venturan xa ter que publicar unha segunda edición, dado o bo acollemento da iniciativa. Na páxina de facebook da Semente atópanse os distintos puntos de venda. 

Comentarios