Carme Blanco e Rodríguez Fer agasallan poemas pola memoria

Poemas polas vítimas do 36 nas rías de Vigo e Pontevedra de Claudio Rodríguez Fer é o segundo volume da colección Poesía poesía para tod@s que promove Unión Libre e esta quinta feira día 13 se presenta en Vigo. 

Carme Blanco e C. Rodríguez Fer
photo_camera Carme Blanco e C. Rodríguez Fer

A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 organiza o acto de presentación do volume Poemas polas vítimas do 36 nas rías de Vigo e Pontevedra de Claudio Rodríguez Fer que é o segundo título da colección Poesía para tod@s, promovida polos cadernos Unión Libre. Os libros entréganse de balde ao publico nos recitais e outros actos de recuperación da memoria histórica. 

O presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Telmo Comesaña Pampillón, participará na presentación na que intervirán os coordinadores de Unión Libre, Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer, autor do volume que recitará os seus poemas na memoria e homenaxe ás vítimas de Vigo. 

Polas vítimas do 36

Poemas pola vítimas do 36 en Galicia foi o primeiro dos títulos de “Poesía para tod@s”. A súa presentación desenvolvérase na Illa de San Simón. A seguir viñeron os “Poemas para Lugo e Poemas para lucenses”, que chegou ao público na Galería Sargadelos e a Biblioteca Pública de Lugo. Na colección e nos tres volumes, alén de Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco participan as escritoras Olga Novo e María Lopo. 

Segundo as persoas autoras desta iniciativa pola memoria queren lembrar “que aínda hai quen pensa que a poesía debe ser mostra de que a solidariedade e a xenerosidade son posibles, como o verdadeiro amor, que non se pode comprar nin vender, senón simplemente darse”. Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer coordinaron conxuntamente o proxecto Vermellas que se expuso en Lugo, Vigo e Pontevedra e teñen na súa traxectoria, alén dun traballo activo de recuperación da memoria histórica, distintas obras que buscan a homenaxe e dignificación das vítimas da represión. Vermella de lobos, Atracción total e Un mundo de mulleres de Carme Blanco ou Lugo blues, A loita continúa e Ámote vermella, son exemplos dese encontro da literatura coa nosa memoria histórica.

Comentarios