Contracultura

Carlos Clemente: "As institucións deben fomentar os monicreques como parte fundamental da cultura galega"

Carlos Clemente, titiriteiro e fundador da Sala Gurugú, vén de ser galardoado co Premio de Honra Galicreques como un recoñecemento á súa traxectoria a prol do sector escénico.
O fundador da Sala Gurugú, Carlos Clemente. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O fundador da Sala Gurugú, Carlos Clemente. (Foto: Nós Diario)

—Cunha traxectoria profesional de máis de 40 anos, que lectura fai ao recibir este premio?
É emocionante polo tipo de premio que é. Ao final vén do propio sector de titiriteiros e forma parte dun festival que xa leva 28 edicións ás súas costas, cunha traxectoria moi importante no país, mais tamén a nivel internacional. Sorprendeume tamén porque até onde eu sei só hai un galego que o ten. O resto de galardóns sempre os recibiron compañías ou persoas do Estado español ou do ámbito internacional. Tamén é importante porque é o recoñecemento a unha traxectoria que non foi fácil no sentido artístico e económico.

Esta é unha profesión que nalgúns aspectos é dura, porque non é cómoda, aínda que noutros compensa. Ao longo destes anos puiden facer moitas cousas: fun coordinador de Pedagoxía do Teatro na Universidade da Coruña, fundei a Sala Gurugú... Mais é certo que sempre tiven a sorte de contar con apoios doutras compañías que axudaron a sala na súa programación e, especialmente, das mulleres que me acompañan: as miñas compañeiras, a miña nai e a miña irmá. 

—Nesa traxectoria tamén houbo varias etapas para o teatro de monicreques. Como as viviu?
Houbo de todo, algunhas épocas moi duras, economicamente falando, e outras que non o foron tanto. O problema dos monicreques en xeral é que non teñen o recoñecemento que merecen, non se ten en conta o valor cultural que pode ter esta disciplina dentro das artes escénicas. Pero isto non acontece só na Galiza, é algo do Estado en xeral.

Comecei a miña carreira profesional neste eido case de casualidade. Estaba estudando arte dramática e recibín unha chamada para facer unha animación na Coruña. Aí foi cando comecei a ver este mundo doutra maneira: descubrín que a marioneta tiña unhas claves de farsa que permitían facer moitas cousas, tamén moita crítica porque non é só unha disciplina orientada ás crianzas.

Posteriormente fun presidente da Asociación de Titiriteiros Galegos e puxemos en marcha uns circuítos moi importantes, que logo foron caldo de cultivo das programacións que farían despois os concellos. Había lugares onde os monicreques chegaban e o teatro non: facíamos moitas representacións na rúa, no verán durante as festas... Pouco a pouco foi medrando o volume de traballo, mais tamén as compañías que existían e a formación á que se podía acceder. Chegou un momento no que a disciplina colleu importancia na Galiza tanto a nivel de espectáculo como de construción dos monicreques.

Agora estamos nun momento no que a pandemia fixo que mudaran moitos dos costumes que tiña a xente á hora de consumir teatro, mais xa desde a crise de 2008 apreciamos unha baixada no mercado. Creo que é unha traxectoria que deu para moito e eu teño as miñas esperanzas de que as novas xeracións poidan evolucionar co traballo que se foi facendo ao longo destes anos. 

—Precisamente, como ve as novas xeracións?
Moi potentes. Veñen cunha preparación que nós tivemos que facer de maneira case autodidacta. Nós non tiñamos escolas nin maneiras de estudar alén de ter que marchar fóra, ao Instituto de Teatro de Barcelona. Claro, esta é unha visión miña particular, mais si que penso que a formación que ten a xente nova é bastante forte e completa. Especialmente porque o concepto de titiriteiro non define só un actor oculto ou a actuación en si, tamén é estar no proceso de construción dos monicreques porque é o que lle dá forza á dramaturxia. Non é o mesmo un espectáculo onde ti non estás vinculado a elas porque se conforma doutro modo.

As persoas que se dedican a isto agora son case do Renacemento: fan un pouco de todo, desde música, construción, actuación, iluminación... Agora o caso é que haxa o impulso institucional que precisan, e non só no que respecta ás funcións, que tamén, senón ao fomento do teatro de monicreques como unha parte fundamental da cultura galega.

Comentarios