Carlos Callón redactará o Manifesto da AELG deste ano

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón á cidadanía, como vén facendo desde o ano  2010, que se agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas
Carlos Callón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carlos Callón. (Foto: Nós Diario)

Co gallo do Día de Rosalía de Castro -o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento de autora-, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón á cidadanía, como vén facendo desde o ano  2010, que se agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Nesta edición de 2024, o profesor e escritor Carlos Callón será a persoa encargada da redacción do tradicional Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 24 de febreiro, no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, en Santiago de Compostela.

O texto de Callón será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino. 

 

Carlos Callón, profesor de Lingua Galega e Literatura e na actualidade docente de Xeografía e Historia en Lisboa, ademais de Presidente de Honra da Mesa pola Normalización Lingüística, vén de recibir recentemente o Premio da Crítica na modalidade de Investigación, pola súa obra O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais).

O chamamento da AELG súmase á campaña para a promoción do libro galego que este ano pon en marcha a Fundación Rosalía de Castro xunto coa Fundación Xistral a través da cal se agasallarán 20.000 escolmas rosalianas ás persoas que merquen un libro en galego en calquera libraría do país.  

Comentarios