113 anos da primeira manifestación convocada polo galego

Foi en Compostela, en 5 de decembro de 1910, convocada por estudantes da universidade.

USC
photo_camera (Foto: USC)

As manifestacións na defensa do galego e os seus dereitos non é algo que nacese da man do novo marco de liberdades que se xerou após a fin da ditadura de Franco. A existencia nestes anos dunha base organizada en torno á defensa da lingua propiciou nestes anos, si, mobilizacións multitudinarias a favor da lingua mais xa no pasado tamén existiu este pulo mobilizador co galego no seu epicentro.

Este 5 de decembro, de feito, fixéronse 113 anos da primeira manifestación convocada polo galego, como lembra en redes sociais Carlos Callón, autor de O libro negro da lingua galega. “Os estudantes de Santiago encheron as rúas en 1910 para reclamar unha cátedra de galego-portugués para a universidade”, afirma o profesor.

Segundo se recolle na mencionada obra, a pesar dos impedimentos do Goberno español, a marcha convocada polos estudantes realizouse. Cita crónicas dos medios da época, na que se indica que a esa mobilización “asistiron os alumnos de todas as facultades e centros de Santiago, cos seus estandartes, así como outras moitas persoas”.

“Os manifestantes percorreron as rúas e dirixiron telegramas a Madrid interesando que dita cátedra, ao se crear, sexa asignada á Universidade de Santiago”, relataban. Como apunta Callón, esas peticións non foron atendidas mais non foi “por falta de demanda”.

Na mencionada obra, cítase tamén como a prensa recollía que en Compostela "declaráronse en folga os estudantes das facultades de Medicina e Dereito e os do instituto, como protesta" por este motivo.

O libro negro da lingua galega e unha obra que se centra na represión existente cara á lingua galega desde 1543 até a actualidade. Unha antoloxía -até o de agora nunca abordada- de casos de represión do galego, desde finais do século XV até finais do XX. Un catálogo de inxustizas e truculencias que tiñan como obxectivo a lingua e a identidade galegas. 

Nunha das presentacións desta obra, Callón falou da represión nas escolas, poñendo como exemplo un informe de mediados do século XIX no que, despois de describir o lamentábel estado físico en que se atopan os centros de ensino -en condicións case ruinosas-, faise fincapé na necesidade de castelanizar o alumnado. 

Comentarios