Cantigas e Aturuxos, crónica do centenario dun coro que participou na fundación da Asemblea Nazonalista

En 1915 nacía o coro Cantigas e Aturuxos. Cen anos despois, un libro-cd recolle a historia do coro canda un CD que recupera os primeiros rexistros sonoros de Lugo, entre eles, a primeira gravación do Himno Galego por unha formación que participou na fundación da Asemblea Nazonalista . 

Arquivo Jaime López-Fernández Caramelos.
photo_camera Arquivo Jaime López-Fernández Caramelos.

Os libros de actas, os discos de gramófono orixinais, as reseñas publicadas en prensa e nos textos da época ademais doutra documentación variada, Ramón González González constrúe a crónica histórica e musical do coro Cantigas e Aturuxos. A publicación do libro CD Coro Cantigas e aturuxos. Repertorio Lucense 1918 enmárcase na conmemoración do centenario da fundación do coro que incluirá tamén a celebración dunhas xornadas de coros históricos con actuacións de Toxos e Froles, a Coral De Ruada, Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra. 

A obra forma parte da colección A Riracolo, da Editorial Ouvirmos, e responde á vontade de recuperar a historia musical galega, desta volta coa publicación das primeiras gravacións lucenses que datan de 1918 e a propia traxectoria do coro e a súa relevancia na cidade. 

“Cantigas e Aturuxos son os protagonistas, en  primeiro lugar, do primeiro rexistro que se grava do himno galego no ano 1918 e son tamén os que actúan na última xornada da Asemblea Nazonalista de Lugo”, destaca o investigador Ramón González, autor do libro que recolle a historia completa do coro lucense. 

“Grazas á editorial que tiña o material sonoro iniciamos unha investigación coa que dimos con importante documentación, incluída a acta de Fundación nos Padres Franciscanos de Lugo, e a partir de aí fomos construíndo a súa historia”, explica González. En 1948 “Cantigas e Aturuxos” fusionouse co coro “Frores e Silveiras” para crear “Cantigas e frores”, coro herdeiro dos anteriores que continúa en activo e que participará na conmemoración do centenario do histórico coro. 

“O Orfeón de Xoán Montes está estudado mais non o resto das corais e estamos a falar de tres formación de relevancia “Cantigas e aturuxos”, “Flores e silveiras” e a “Coral polifónica de Lugo” que teñen tamén unha gran importancia social na historia da cidade porque eran coros que se organizaban en agrupacións culturais e tiñan tamén actividade social”, apunta o investigador. 

Na formación da Asemblea Nazonalista 

Dos documentos e datos que Ramón González manexou foi a participación activa do coro na constitución da Asemblea Nazonalista de Lugo un dos que máis a sorprendeu. “Participaron como organización na formación da Asemblea con outras dúas entidades que existían en Lugo, a Sociedade de Labregos e Dependentes de Comercio. Están na fundación da Irmandade da Fala que en Lugo tomou o nome de Asemblea Nazonalista. Que se orixinara nos Padres Franciscanos tamén dá proba da relación de certas agrupación coa cultura galega”, explica o autor que, da historia do coro fai tamén fincapé nas xiras a Santander en 1923 e a Madrid en 1917, co apoio de Basilio Álvarez a quen nomearon presidente de honra. Outros nomes como os de Emilia Pardo Bazán, Fernández Flórez, Trapero Pardo, Sofía Casanova, Bal y Gay ou Calvo Sotelo aparecen tamén na historia do coro reconstruída agora no traballo publicado por Ouvirmos. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios