Camiños e cantares nos eidos da bremanza: Ao encontro da palabra de Fiz Vergara Vilariño

Co gallo de celebrar a vida e obra do poeta louzariño, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apesca) organizou esta cuarta feira 20 de xullo "Camiños e Cantares: Nos eidos da bremanza. Unha peregrinación literaria cantada e falada".

Un momento do acto (Foto: L. Celeiro)
photo_camera Un momento do acto (Foto: L. Celeiro)

O coche atravesou O Incio en dirección a Santalla de Abaixo e a medida que se achegou ao "val escuro e bretemoso" semellou o tempo fundirse nese xeito de ollar que Xermán González Domínguez confesou descubrir a través da lectura do Fiz: "Son natural de Lóuzara pero lelo a el fíxome ver a miña terra con outra profundidade ", desvelou este veciño procedente de Bustofrío, un deses "antergos pobos" que Vergara recordou na súa poesía.

"Camiños e Cantares: Nos eidos da bremanza. Unha peregrinación literaria cantada e falada" festexouse este 20 de xullo, ás 12.00 do mediodía no Concello de Samos, coa xuntanza literaria e musical de amizades e familiares do escritor. Pola tarde, despois do xantar en Airapadrón, o  público desprazouse ata a aldea que viu medrar e vivir ao poeta, Santalla de Abaixo. "Isto si que lle produciría moita ilusión. El, que era un home tan xeneroso, estaría emocionado, coma sempre, de partillar o lugar que foi o marco da súa existencia", explicou Xermán.

E nada máis chegar, xa se enxerga o muíño, cuxas horas de Fiz estiveron tan xunguidas a el, pois aló fixo garda polo amor, por esa muller que ás veces sen transformaba en “corza salvaxe”: "Xa que te presinto ó lonxe, amiga e compañeira/ agardareite na soedade, xunto ó vello muíño".

Un grupo de teatro encargouse de representar unha adaptación da súa obra teatral

Nesta ocasión, un grupo de teatro, integrado na súa totalidade por xente louzariña, encargouse de representar unha adaptación da súa obra teatral: "O vello muíño nunca morrerá"; peza que nestes días, a consecuencia da dramática situación de incendios que asola Galiza, colle aínda maior relevancia: " Os montes arderon todos este verán... Non se atopa leña en ningures", lamenta o protagonista da obra.

"Tamén permanecemos acó, nos eidos da acordanza"

O acto organizado por Apesca, da man de Luís Celeiro, contou tamén coa intervención do mestre Pepe Jurjo, quen aproveitou para salientar que o Fiz Vergara, pese á enfermidade dexenerativa que o atacou, demostrou ir "máis adiante do que ninguén puido imaxinar, sendo un exemplo de loita para quen vive circunstancias semellantes".

Pola súa banda, Xosé María García Palmeiro expresou que "ata esta mañá, Fiz para min era un poeta, un libro de versos, unhas imaxes nun vídeo, unha voz declamando os seus propios poemas e un descoñecido persoalmente". Neste senso, o xornalista asegurou que ao achegarse a Santalla por vez primeira sentiu ao escritor como "unha lembranza viva na súa ausencia, pois se estamos nos eidos da bremanza tamén permanecemos acó, nos eidos da acordanza".

Xa entrado o serán, as voces dos poetas das interseccións dos concellos do Courel, Samos, A Pobra de Brollón e o Incio foron escoitadas ao pé da casa do autor de libros como “Pastora de Sorrisos” ou “Poeta muiñeiro á deriva”. Da boca de Marica Campo saíron tres sonetos que escribiu para Vergara Vilariño tralo seu falecemento; un tipo de estrofa que a poeta do Val do Mao confesou non ter por costume empregar pero que escolleu a causa de ser esta “unha forma tan ben cultivada por el”.

Ademais, houbo versos recitados de Vicente Reboleiro, Olga Novo e do propio Fiz

Ademais, houbo versos recitados de Vicente Reboleiro, Olga Novo e do propio Fiz, aos cales puxeron voz María Casar e María Celeiro Vergara, descendente do poeta, a cal levando nas mans “Nos eidos da bremanza”  recitou: “Arelo ser un can doce e mansiño/ pra espallecerme xunto a ti na eira/e sentir a túa man de compañeira/cando me deas pan e máis touciño”.

Pola súa banda, María Casar, presidenta da Asociación Cultural Ergueitos, tamén parte colaboradora da posta en marcha desta xornada, aproveitou para recordar que o certame de poesía Fiz Vergara Vilariño xa conta con 23 anos as súas costas. “O proxecto das persoas que traballamos nas asociacións culturais son os afectos e que mellor ca homenaxear ao Fiz cun premio que leva o seu nome”, explicou Casar. Asemade, desde Ergueitos tamén artellaron o roteiro de Fiz Vergara Vilariño coa elaboración de trece pezas, entre as que se atopan algunhas autoría de Violeta Bernardo ou Miguel Macía, entre outros. “Para o ano que vén, polo que sería o setenta aniversario do  seu nacemento, estase facendo unha nova peza que virá para aquí, probablemente para a súa casa”, adiantou Casar.

E así, entre o solpor, “A Quenlla” foi a encargada de facer que a música soase no val, non sen que antes un emocionado Mero Iglesias lembrase aquel cuarto de século atrás, “cando subimos o seu cadaleito e choramos todos sabendo da perda enorme...”.  E  ese agarimo que Iglesias definiu como unha “atmosfera de afectos” seguiu vivo e presentido ao logo do empardecer, mentres Lois Diéguez realizou a ofrenda floral no camposanto onde repousan os restos do poeta da Lóuzara Xabreira, da súa irmá Irene e dos seus pais. “Depositarei no voso nome estas flores humildes (...). Esta noite virá el, As Irenes, e O Manuel  a recollelas e a cheiralas!”, exclamou Diéguez.

A noite chegou e con ela, talvez, a certeza de que a xente non volveu cabo de Fiz Vergara neste 25 cabodano da súa morte. Non, pois sabido é que para regresar primeiro hai que marchar e as persoas que lle profesan amor non deixaron xamais de permanecer preto do seu legado; unha unión que se estendeu máis aló do seu pasamento e alén daquel tempo onde se albiscaba ao Fiz de corpo presente ao pé do muíño ou próximo á Fonte da Cova.

Porque aparte de velo vivo nese pasado, Vergara latexa tamén arestora. E habita en Santalla de Abaixo, coas súas letras apanazando e labrando a terra xabreira, coa súa voz poética entrando "no canto das curuxas, nos soutos avesíos", no fogar do tempo, nesas horas "infinitas e acedas". E así, el achégase a nosoutras , ás persoas que anos despois pisamos, espreitamos e escoitamos o Val de Lóuzara. E semella que ao xunguir os nosos pensamentos á súa memoria, Vergara arela dicirnos vintecinco anos despois de finar: "A través dos teus ollos eu contemplo a Lóuzara Xabreira e limitada".

Comentarios