Camilo Franco entrevista visitantes do CGAC no proxecto "Queres ser arte contemporánea?"

Camilo Franco volve ao xornalismo, desta volta, desde as salas do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Mais non serán artistas as persoas entrevistadas. O xornalista conversará con visitantes para o proxecto de investigación “Queres ser arte contemporánea?”. 

A próxima semana, o crítico e xornalista Camilo Franco asentarase no CGAC para iniciar o seu novo proxecto “Queres ser arte contemporánea?” que consistirá en entrevistar a visitantes do centro co fin de coñecer o nivel de implicación, a interpretación e a relación coas propostas artísticas alí expostas do público visitante. O proxecto desenvolverase dos días 26 de febreiro a 1 de marzo e en horario de 11 a 20 horas. 

Con cada persoa que se preste ao experimento, o xornalista realizará encontros de 15 minutos que partirán do hall do CGAC para conducirse a través da mostra 93 que se desenvolve nos tres andares do centro. A través das preguntas, das respostas e das reaccións, Camilo Franco construirá o panorama da relación do público, mediante unha cata, coa experiencia artística de encontro coas obras plásticas. 

Cos resultados compartidos ao día

As persoas que decidan participar no proxecto serán fotografadas coa peza que elixan ou no espazo que prefiran, co fin de contribuír a mostrar as súa relación co espazo expositivo e as obras mostradas. Cada día, o resultado das entrevistas coas imaxes serán compartidas no blog da web www.camilofranco.eu. Para participar do proxecto pódese combinar a través do correo electrónico [email protected] ou mesmo de maneira espontánea no transcorrer da propia visita ao centro. 

O novo proxecto de Camilo Franco partilla doutros xa elaborados polo xornalista no que por medio do convite á participación construía obras literarias na rede ou, de maneira presencial, en diálogo co público, experimentaba novas maneiras de creación. 

Comentarios