O "cameo" de Carvalho Calero nunha tradución de 'Mafalda'

Aparece nun volume publicado por Souto S.A. en 1984
'Mafalda' en galego (1984).
photo_camera 'Mafalda' en galego (1984).

Após a entrega ás persoas e entidades patrocinadoras e  a chegada aos andeis das librarías da banda deseñada Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de terra, editada por Demo e Através, podemos dicir que a vida do autor ferrolán xa foi feita cómic. Mais sorprendentemente esta non é a primeira aparición do intelectual nos cadriños. Como curiosidade, chegan novas á redacción de Nós Diario da súa presenza nunha folla de Mafalda, editada en 1984 en Lugo por Souto S.A. (libraría) nunha tradución ao galego de Ramón Reimunde e Xoán Ramón Díaz.

O gag comeza con Mafalda reproducindo verbalmente as onomatopeas dunha arma de lume coa frase "bang, bang e bang". Daquela, o pequeno Carvalho salta a escena para lle recriminar o uso da conxunción: "Que é iso de 'e' bang? Onde viche ti que un revólver diga 'e'? [...] Pode dicer bang bang e mesmo pung, pero nunca 'e'". A isto, anoxada, a moza responde revelando a identidade da figura: "a quen pode interesar-lle xogar aos vaqueiros con Don Ricardo Carvalho Calero?".

No orixinal en español, editado para Arxentina, figuraba en troques do intelectual galego o escritor José María Pemán como autoridade académica.

Comentarios