Finaliza a feira das músicas

Calypso Rose, mellor artista do Womex 2016

Durante días, Santiago de Compostela foi a capital mundial da música grazas ao Womex, que rematou este domingo coa entrega dos premios. A antillana Calipso Rose foi recoñecida como mellor artista.

Dibujo
photo_camera [Imaxe: Xavier Belho] Calypso Rose

A entrega de premios puxo o broche de ouro ao Womex 2016, que converteu Compostela no epicentro das músicas do mundo. Calypso Rose, de Trinidade e Tobago, recolleu o galardón a mellor artista, mentres que Glitterbeat Records se alzaba co premio ao mellor selo e o colombiano Henry Arteaga era recoñecido co premio á excelencia profesional.

Calypso Rose, que foi definida como unha loitadora cultural a favor do mundo, pediu, emocionada e após ser recibida cunha grande ovación, que a xente “siga cantando e bailando as miñas cancións todos xuntos”. Aliás, desde o escenario, lembrou a súa colaboración con Manu Chao para o seu último disco, Far from home.

Ao recoller o premio á excelencia profesional, Henry Arteaga, rapeiro, MC e líder da banda Crew peligrosos, dixo que sentía vergoña de que en Colombia se diga que se cre na paz “mentres se practcia a guerra”. “Falar da paz desde a guerra é un costume herdado desde a conquista”, denunciou o rapeiro, que tamén puxo en marcha a 4Elementos Sckuela en Medellín, unha escola artística para as persoas máis desfavorecidas.

A cidade polaca de Katowice, na rexión de Silesia, recolle o testemuño de Compostela para acoller o próximo Womex, que terá lugar en outubro de 2017. A capital galega é a única cidade repetida como sede nestas 22 edicións desta feira das músicas. O seu director, Ben Mandelson, salientaba o domingo que Compostela vive intensamente, na rúa e nos locais, a música do país.