Os británicos formaron a primeira estrutura militar de guerrilla na Galiza

O historiador Emilio Grandío ofrece no Consello da Cultura o relatorio Os espías británicos e o seu traballo na Galiza, nas charlas en liña Galiza e a Segunda Guerra Mundial e na quinta feira chega ás librarías Hora cero. Intelixencia británica en España, referido ao mesmo período histórico e tamén da súa autoría. 
SN7C8F1_1 (1)
photo_camera O historiador da Universidade de Compostela, Emilio Grandío. (Foto: Nós Diario)

"O papel do noso país foi relevante no proceso da II Guerra Mundial a pesar de que se considera que o Estado español estivo fóra das grandes guerras, non obstante, coñecemos que houbo batallas navais, avións sobrevoando o ceo galego...", conta o historiador e profesor da Universidade de Compostela (USC), Emilio Grandío, autor de Hora cero. Intelixencia británica en España durante a II Guerra Mundial, da editorial Cátedra, que desde o 15 de abril estará á venda nas librarías. 

"Tamén está, evidentemente, o tema do volframio, que fai da Galiza unha zona estratéxica moi relevante, e a propia estratexia do Atlántico Norte, que é case unha autovía da comunicación marítima e aérea", engade Grandío.

O profesor, que na xornada desta cuarta feira, 14 de abril, pronuncia a través da canle de Youtube do Consello da Cultura Galega o relatorio Os espías británicos e o seu traballo na Galiza, explicou en conversa con Nós Diario que á situación do noso país nos anos da segunda Gran Guerra "hai que engadirlle que na metade do conflito, desde o ano 1941 até finais de 1943, as posibilidades de invasión (do Estado español), por parte de Alemaña ou por parte aliada tiñan como principal punto de referencia á Galiza".

"O que chamamos espionaxe quizais está moi influenciado polo cine e as novelas, pero o mundo da información é moi complexo" afonda. "A información é unha especie de caladoiro no que todos están, de feito os lugares de encontro son comúns nos territorios neutrais como España, hoteis, cafetarías...".

"Durante un ano e pico prepáranse moitos informes e localízase moita información vencellada ao tráfico dos portos, á industria das armas, á capacidade de aeródromos, barcos...", explica. "Había espallados destacamentos militares desde A Coruña e Ferrol até Ribadeo... Ao comezo era un rumor vencellado a unha invasión nazi no Estado español pero logo vai virando cara a que o invasor foran os aliados", engade.

"A partir dos anos 42 e 43 exércese presión para que Franco abandone o poder e o embaixador británico Samuel Hoare reúnese con el en Meirás", conta Grandío. "Sabemos que Hoare transmitiu as exixencias das Nacións Unidas: retirada da División Azul, que os portos españois deixasen de ser refuxio alemán, que o comercio do volframio pase a ser dos aliados". Mais Franco desactiva estas frontes individualizándoas, explica o historiador.

Os británicos e a guerrilla

O profesor da USC refírese tamén a que a incursión dos servizos segredos británicos no Estado español non só buscaba obter informacións ou volframio, senón que tamén se procuraba a caída do franquismo e nesa medida colaboraron na loita contra o réxime. "Son os británicos os que forman a primeira estrutura militar de guerrilla na Galiza, a Federación de Guerriñas da Galiza", explica Emilio Grandío.

"E isto faise a comezos de 1941 coa inserción de membros do Servizo de Operacións Especiais (SOE), que naquela altura constituían os grupos que estaban nos montes, dálles unha estrutura e tamén un obxectivo cara a onde ir". A instauración dun réxime democrático.

Relatorios en liña  para debuxar o papel da Galiza na II Guerra Mundial

Na terza e na cuarta feira, 13 e 14 de abril, nas canles do Consello da Cultura Galega (CCG), emítense as xornadas Galiza na Segunda Guerra Mundial, para as que se conta con investigadores como Antonio Muñoz, da Universidade de Lisboa; Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do CCG; e Antonio Giráldez, do Instituto de Estudos Vigueses, que abordan o papel da Galiza no eixo Berlín-Roma-Toquio.

Economía e propaganda chegan da man do profesor Joan Thomàs, da Universitat Rovira i Virgili, e mais o diálogo entre o xornalista Xesús Fraga e a realizadora Paula Cons, autora de A batalla descoñecida. Sobre Galiza e os Aliados charlan, ademais de Emilio Grandío, o historiador Ramón Villares e Luís Domínguez, da Universidade de Vigo; e a filóloga Dolores Vilavedra fía a pegada do conflito na nosa literatura.

Comentarios