Os brasileiros Tribalistas estarán en Compostela o 26 de outubro

O seu disco debut, publicado en 2002,  converteuse nun fenómeno que excedeu, con moito, as fronteiras do Brasil. A combinación de pop e ritmos indíxenas e a súa proposta de renovación da MPB transcendeu. Os Tribalistas moveron multitudes, venderon milleiros den discos -aínda se vendían discos- e non volveron gravar. Ate o pasado ano.

Tribalistas
photo_camera Tribalistas. Foto: cedida.

O novo disco, de agosto de 2017, serve ao trío conformado por Marisa Monte, Arnaldo Antunes e Carlinhos Brown -auténtico supergrupo do pop brasileiro-, de escusa para unha xira mundial que os levará, o vindeiro 26 de outubro a Compostela. Será ás 21 hora no Multiusos do Sar.

Os autores do ubicuo retrouso “eu sou de ninguem, / eu sou de todo o mundo, / e todo o mundo me quer bem”, da canción Ja sei namorar, inician a tourné este 28 de xullo en Brasil. Ademais da súa parada galega, tocarán en Lisboa e Porto, Barcelona, Madrid, Londres, Hamburgo, Basel, París, Milán e Roma.

“A miña maior esperanza de reunirnos Tribalistas de novo vai máis alá de Marisa, Arnaldo e máis eu, son de feito esa lexión de xente que lle deu alma e lle prestou os seus ouvidos ao noso repertorio nos últimos 15 anos”, declarou recentemente Carlinhos Brown, “e o noso obxectivo é servilos a través da música, e farémolo coa facilidade e espontaneidade grazas a que a atmósfera que se crea cando estamos xuntos é pegadiza para nós mesmos”.

Comentarios