CONTRACULTURA

Borxa Neira: "A articulación comarcal sería viábel, ten dimensións óptimas e base na historia"

Borxa Neira (Compostela, 1989) acaba de publicar a súa primeira obra. Baixo o título Mover os marcos. A (des)organizaçom do território galego (Através Editora) analiza o intento falido de comarcalizar o país na década de 1990, un proceso que tivo escasa incidencia real.

O compostelán Borxa Neira analiza no seu libro propostas de comarcalización da Galiza. (Foto: Cedida)
photo_camera O compostelán Borxa Neira analiza no seu libro propostas de comarcalización da Galiza. (Foto: Cedida)

—Como se artellou esta iniciativa?
A través dunha recompilación de estudos que nas últimas décadas fixeron expertas e expertos en ciencias sociais e en xeografía con modelos alternativos ao modelo comarcal que finalmente se aprobou en 1997.  Coa aprobación da autonomía da Galiza abriuse un campo académico por explorar, o das comarcas. Xorden diversas propostas, algunhas delas asinadas polo propio Andrés Precedo Ledo, xeógrafo seleccionado por Manuel Fraga para liderar o gabinete de planificación de desenvolvemento territorial: isto é, para aprobar as comarcas que finalmente se aprobaron. O modelo non tardou moitos anos en fracasar desde que foi aprobado, momento desde o cal xorden moitas das propostas que eu recollo e analizo no meu libro.

—Por que considera que fracasou o modelo comarcal?
Por unha parte, había bastantes localismos. Unha especie de patriotismo exponencial no que os concellos se reivindicaron como importantes para que a súa identidade non quedase diluída no seo das comarcas. Por outra, fracasou porque o modelo de Fraga non estaba deseñado para substituír os concellos ou as provincias, polo que engrosou a planta administrativa pública e xerou máis confusión e máis organismos. Isto derivou na creación dunha serie de duplicidades burocráticas e económicas. 

Era ademais un modelo complexo que creaba consellos comarcais, había fundacións comarcais máis pensadas para executar os plans creados polos consellos... Unha serie de organismos que colapsaban o sistema e que estaban baleiros de contido. O propio Precedo Ledo recoñeceu tempo despois que non lle outorgaran á comarca competencias administrativas, ficaron como unidades de planificación territorial. Houbo tamén receos por parte da oposición política no Parlamento da Galiza porque a proposta de comarcas non foi consensuada, ao ter o PP maioría absoluta. Tampouco un achegamento por parte do PP a organizacións sociais ou asociacións civís. 

E incluso dentro da propia Xunta porque o plan comarcal, nun comezo, estaba deseñado para atinxir todas as Consellarías. O gabinete que lideraba Precedo Ledo dependía de Presidencia, coa intención de que as súas accións chegasen ao resto das Consellarías, pero estas, especialmente a de Economía e Facenda, querían planificar a economía da Galiza pola súa conta sen considerar as divisións comarcais. Mais non podemos esquecer que este plan de comarcalización non tivo financiamento. Estes organismos financiáronse a través dos cartos que chegaron da Unión Europea. A Xunta, ao final, non acabou de pór diñeiro aí, e deixou morrer o "conto". 

—Solucionando estas eivas, sería viábel?
Si, á vista está que os concellos de pequeno e mediano tamaño non teñen os recursos económicos para afrontar algunhas das obrigas que lles veñen impostas. As Deputacións abranguen un territorio demasiado grande. Pero a comarca ten as dimensións óptimas e ten base na historia . Só fai falta a vontade política que poña o financiamento necesario.

—Os organismos comarcais que menciona recordan ás actuais Deputacións provinciais. Que valoración fai destas entidades?
Precisamente as Deputacións eran outros dos actores que se opuñan ao modelo comarcal porque pensaban que a intención real do equipo de Fraga era o de eliminar as provincias para integrar as comarcas no mapa galego. A min persoalmente paréceme un modelo arcaico que non ten ningún sentido na Galiza nin agora mesmo nin hai tempo. As provincias quedaron absolutamente obsoletas, con feitos como que Vigo, a cidade máis populosa da Galiza, non é capital de provincia. Como se pode entender iso? Precedo falou de áreas funcionais, un concepto que eu acho interesante. Son agrupamentos de comarcas en base a unha principal. Esta proposta tería moita máis coherencia coa sociedade actual e tamén coa historia da Galiza.

Comentarios