O BNG propón que a Xunta se desvencelle da Fundación Cela e reclama unha investigación

Ana Pontón, do BNG, pediu hoxe no Parlamento que se investiguen os fondos públicos da Fundación Cela e reclamou que o Executivo galego se desvincule por non ser de “interese xeral”. 

Fundación Cela
photo_camera Fundación Cela

“Estamos mantendo unha Fundación que non cumpre ningún dos preceptos do interese xeral”, afirmou para Sermos a deputada do Bloque, “senón que está ao servizo de intereses que non teñen nada que ver co ben común”. Desde 2007 a Xunta leva "investido" máis de 3 millóns de euros nunha entidade afundida froito dos numerosos desfalcos que tivo que rescatar "con diñeiro de todos" e convertela nunha Fundación pública. 

As cifras tampouco acompañan na defensa dunha institución que recibe menos de 
3.000 visitantes ao ano e que custa, só en gastos correntes, máis de 317.000 euros ás arcas públicas, dos cales 220.000 se dedican aos salarios de sete traballadores que foron asumidos pola Fundación pública sen ningún proceso de selección [ver orzamentos de 2015, en pdf]. A súa directora xerente, filla de Dositeo Rodríguez, tampouco. 

En opinión de Ana Pontón, a intervención pública tampouco se pode xustificar por motivos de protección do legado xa que a maioría está na Cidade da Cultura.  Ao seu entender, a Xunta segue confundindo “manter o legado dun escritor co mantemento de intereses escuros dunha Fundación que nos últimos anos se caracterizou polos escándalos e situacións vergonzantes.”

Posibles ilegalidades

Pontón presentou hoxe -sexta feira- no Parlamento a iniciativa que será debatida no vindeiro pleno na que reclama “investigar os fondos públicos da Fundación Camilo José Cela e desvincular a Fundación do sector público por carecer de utilidade pública real”. En concreto, Pontón propón investigar axudas concedidas en 2010 a esta entidade cando era privada dado que a Lei de Subvencións prohibe concedelas a entidades que teñan débedas coa Seguridade Social, como era o caso. Aínda así, ese ano a Xunta “destinou medio millón de euros”.

Ademais, a nacionalista cualificou de “escandaloso” que con fondos públicos “fora financiado o despedimento do xerente con 150.000 euros, pagaramos créditos hipotecarios da Fundación, financiaramos viaxes dos membros do patronato, incluída a propia Marina Castaño, e fora abonado o litixio do fillo de Camilo José Cela pola herdanza, Coxíns de Damasco de veludo, butacas de bambú, flores e unha mesa de máis 1.000 euros”.

Comentarios