O BNG esixirá no Parlamento o recoñecemento das pesqueiras como Ben de Interese Cultural

Arbo, As Neves, Crecente e Salvaterra de Miño queren retomar unha reclamación histórica desta construción singular e milenaria do enxeño galego.

Estampa do acto do Bloque Nacionalista Galego desenvolvido en Arbo (Foto: BNG).
photo_camera Estampa do acto do Bloque Nacionalista Galego desenvolvido en Arbo (Foto: BNG).

A localidade de Arbo vén de acoller un acto de presentación das propostas levadas ao Parlamento para pór en valor as pesqueiras e retomar unha reclamación histórica desta construción singular e milenaria do enxeño galego.

Diego P. Gago, responsábel local do BNG en Arbo, diante dunha audiencia internacional de medio cento de persoas, fixo un percorrido pola historia destas construcións e pola loita social que o seu avó, Ignacio Gago, abandeirou desde finais dos anos 70 e pola que foi recoñecido recentemente como "veciño insigne".

As pesqueiras, ou pescos, facilitan a pesca da lamprea "cun xeito único en toda Europa que debe valorizarse como revulsivo económico das localidades Miñotas", tal e como puxo de manifesto Xosé R. Méndez, alcalde das Neves, cualificándoas asemade de "arquitectura singular que está perdendo o seu uso paulatinamente polo ausencia de alternativas, ademais de polo perigo real polas variacións de nivel provocadas polos encoros, que fan do Miño unha fábrica de cartos que marchan fóra".

"Nin Madrid nin Lisboa dan solución a un problema que non entenden", acuñou Luís Bará, deputado no Parlamento galego polo BNG, que xunto a Alexandra Fernández incoou ao goberno do país a retomar a consideración de Ben de Interese Cultural xunto cun plan dinamizador "que acolla a todos os sectores implicados da sociedade".

Foi este "un acto enriquecedor e construtivo, coa participación de veciños e veciñas de Arbo e das demais localidades miñotas, grandes coñecedoras da vida arredor das pesqueiras e que seguirán exixindo que sexan tidas en contas como un recurso económico vivo e un elemento dinamizador da sociedade, ademais dun ben histórico cun grande potencial turístico", concluíu a formación nacionalista.

Comentarios