O BNG busca impulsar unha lei que garanta os "dereitos culturais" na Galiza

"O deseño da política cultural non pode ser sempre un actor secundario nin responder á improvisación ou ás axendas marcadas desde fóra", sinalou en rolda de prensa a deputada nacionalista, Mercedes Queixas.
A deputada do BNG, Mercedes Queixas esta sexta feira en rolda de prensa (Foto: Nós Diaroi)
photo_camera A deputada do BNG, Mercedes Queixas esta sexta feira en rolda de prensa (Foto: Nós Diaroi)

A portavoz de Cultura do Grupo parlamentario do BNG, Mercedes Queixas, avanzou esta sexta feira o impulso dunha lei integral de cultura co obxectivo de "actualizar o mapa público" da oferta cultural e vontade de dotar o país de ferramentas para garantir a función social e o dereito de acceso á cultura.

"O deseño da política cultural non pode ser sempre un actor secundario nin responder á improvisación ou ás axendas marcadas desde fóra", sinalou en rolda de prensa a deputada nacionalista.

Esta proposta busca "non identificarse con criterios exclusivos de diversión ou turismo", senón tamén avanzar na protección dos dereitos culturais, algo que insistiu "non pode esperar máis".

Xa que se trata dun ámbito, o de acción e divulgación cultural, "presente como elemento central do debate, especialmente a través de temáticas como os dereitos culturais".

Dereitos culturais

A proposta do BNG terá como obxectivo a regulación dos dereitos culturais da cidadanía galega e a articulación do sistema cultural público para "actualizar" o mapa cultural ás exixencias de 2023 e os anos vindeiros, é dicir, escoitando as "necesidades que presenta a lingua galega, as que demanda o propio sector cultural e as novidades e cambios nas últimas décadas no ámbito cultural", en alusión a cuestións como a tecnoloxía, o mundo dixital, a relación co multimedia e transmedia e as novas formas de acceso e difusión dos produtos e novidades culturais.

A portavoz de Cultura da formación nacionalista salientou que se trata dunha iniciativa que quere pór Galiza "á altura dos territorios da súa contorna", como é o caso de Canarias, cuxo parlamento fixou por lei avanzar até 2% do orzamento en 2030, proposta que o BNG quere tamén vincular a esta lei.

“Unha Galiza á vangarda cultural”

En definitiva, unha Galiza "á vangarda cultural fronte á continua perda de peso político diluído nunha macroconsellaría", denunciou Queixas, quen criticou que centros singulares de arte e produción propia como o Centro Dramático Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro Coreográfico Galego ou a Filmoteca da Galiza-CGAI poidan "seguir perdendo identidade".

Na súa intervención, manifestou que "tampouco é tolerábel" que a cultura galega "continúe relegada a un segundo plano" no ámbito dos medios públicos galegos, a CRTVG.

Comentarios