A cultura popular como dispositivo de protesta

Conciencia ecolóxica, pacifismo, esgotamento do petróleo,  formas artísticas de protesta, diálogo coa natureza, traballo en rede... Nunca Máis constituíuse na vangarda dun futuro que xa é presente, un laboratorio onde se crearon novas formas de acción política. Unha resposta popular sen precedentes que serviu de campo de probas para a política do século XXI.
Colección de postais realizadas por diferentes artistas (Foto: Compostela Cultura).
photo_camera Colección de postais realizadas por diferentes artistas (Foto: Compostela Cultura).

Desde o pasado día 24 pode verse no Auditorio da Galiza de Compostela a mostra Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige, que lembra os vinte anos desde o afundimento do petroleiro, destacando a creatividade nas formas de protesta. 

"A exposición traballa sobre dous eixos", explica Germán Labrador, comisario da mostra, en conversa con Nós Diario. Por un lado, interrogámonos sobre como se construíu historicamente esa conciencia que estoura en 2002 e, por outro, analizamos esa eclosión como un laboratorio das formas de protesta e de organización colectiva propias do século XXI". 

A mostra lembra que cando o Casón afundiu fronte a Fisterra, en 1987, houbo estudantes que acudiron en procesión a Santiago cos corpos das aves mortas. Ou que despois do accidente do Mar Exeo, en 1992, houbo unha manifestación masiva na Coruña gritando "Nunca Máis". 

 

"Significa isto que fose a mesma xente ou que se tomasen directamente estas formas de protesta daqueles casos? Non necesariamente", reflexiona o comisario da exposición. "O que significa é que había unhas formas en movemento, uns dispositivos que estaban dispoñíbeis e que se activaron.

En canto á gramática das protestas, o que vemos é que existe unha acumulación histórica que estoupa no Nunca Máis. Pero ao tempo, é un laboratorio de futuro. Foi as dúas cousas ao tempo: a cristalización dunha tradición -que tamén se relaciona coas loitas polo territorio, pola defensa dos montes comunais, coas protestas pola construción da AP-9, contra os pantanos e, en xeral, contra as políticas extractivas- e ademais, un revulsivo que proporcionou novas ferramentas para as loitas do presente". 

Na cultura popular galega existen xa ideas como a de performance ou a de happening en toda a tradición do Entroido, o que facilitaba a resposta popular. "A idea do velorio da natureza, por exemplo, e algo que aparece en protestas políticas polo menos desde principios do século XX", revela Labrador.

"Ou a idea de facerlle o meco ao cacique que corresponda, que vén de moi atrás. Ou que as ferramentas de traballo se transformen en útiles de reivindicación, que ten o seu precedente nas tractoradas da década de 1970.

 

O que existe na Galiza é unha cultura da festa moi importante que non se limita ao concepto de 'pasalo ben', que tamén contempla modos de relacionarse entre as persoas e entre as persoas e o poder. Hai unha gramática cultural que se corresponde, máis ou menos, co que os anglosaxóns chamaron happening, pero que nós xa practicabamos desde outro lugar. O grande éxito das formas colectivas da protesta política na Galiza non vén da implantanción de prácticas alleas, senón da activación artística dunha cultura popular vernácula".

Prácticas e linguaxes

Nunca Máis foi tamén a última gran protesta analóxica e a primeira dixital. "Existía unha forma moi inocente de aproximarse ao dixital, a unha Internet aínda non monopolizada polas grandes corporacións. Os foros e os blogs foron moi importantes, como tamén o foron as maneiras de empregar gráficas políticas, que se compartían, refacían e imprimían libremente" destaca Labrador.

"Daquela non tiñamos o vocabulario para dicir que estabamos traballando en rede ou liberando imaxes, pero as prácticas xa estaban aí. O importante era a concepción de identidade colectiva -o que agora moitos teóricos denominan multitudes intelixentes- que se activou en clave de vangarda. Nese sentido, Galiza foi pioneira".

Politicamente, creouse, non obstante, un vocabulario da indignación e da dignidade que logo tería unha importancia moi relevante. "En todo o contexto do 15-M esas ideas de estar indignadas serían moi importantes, igual que o concepto de marea de dignidade. E, por suposto, no desenvolvemento do feminismo: a primeira Marcha Mundial das Mulleres na Galiza tivo lugar o 8 de marzo de 2003 co lema Nunca Máis  chapapote patriarcal. 

 

O movemento Nunca Máis foi claramente ecofeminista, aínda que naquela altura non tiñamos esa linguaxe, o que, para min, o fai máis interesante, porque demostra que non se operaba desde a ideoloxía, senón desde as prácticas". 

Responder o pasado

Toda esa acumulación de saber popular ao servizo da protesta, segundo algunhas análises, foron desaproveitadas pola política. Cuestionado sobre este asunto, labrador di que "a resposta breve é si.

Obviamente houbo un impacto enorme que non provocou os cambios que todos desexabamos que se desen. Mais a resposta longa é non: na catástrofe do Prestige hai un elemento dramático moi forte. A narrativa xeral era a 'morte do mar', e despois de todo loito é preciso un período de duelo, de asimilación, que dura unha tempada. E ese silencio necesario foi aproveitado para substituír a cultura do Nunca Máis polo monocultivo do Xacobeo".

"Mais existe unha herdanza silenciosa que aínda temos que aprender a ver no noso presente. Nunca Máis cambioulle a vida a moita xente e é o momento de decidir o que imos facer con ese herdo. A exposición quere activar a memoria mais non desde a melancolía: cando o pasado volve como un fantasma formula preguntas e a que temos que responder é que imos facer agora con iso?", conclúe. 

Comentarios