Pontevedra prepárase para a XXII Feira Franca, que estará dedicada aos números

A festa contará un artista do Circo do Sol

Demetrio Gómez, Miguel Anxo Fernández Lores e Pablo Méndez, esta terza feira en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera Demetrio Gómez, Miguel Anxo Fernández Lores e Pablo Méndez, esta terza feira en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)

A cidade do Lérez regresará á Idade Media a partir desta sexta feira, 1 de setembro, co comezo da XXII Feira Franca. Pregoeiros a cabalo sairán ás rúas 19 horas para anunciar por prazas e rúas do centro histórico esta nova edición e, ás 22 horas, na praza da Ferrería, terá lugar o espectáculo ‘Os números', a cargo da compañía Pablo Méndez Performance.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, reiterou esta terza feira nunha rolda de prensa que o Concello de Pontevedra "cre que vai ser unha edición de récord" desta festa declarada de interese turístico galego. A tres días de que arrinque a Feira Franca "está xa case todo listo e no seu sitio", indicou o rexedor.

Durante estas xornadas previas máis de 50 persoas están a traballar na instalación e preparación de todos os elementos, pero durante a Feira Franca serán máis de 500 as persoas que se ocupen de crear a ambientación.

Lores subliñou a alta participación coa que conta a festa ano tras ano, sendo "sentida por toda a veciñanza pontevedresa", lembrando, ademais, que todas as empresas que traballan na súa realización son empresas locais ou galegas.

Artista do Circo do Sol

Neste sentido, o alcalde compareceu esta terza acompañado de Pablo Méndez, responsábel de Pablo Méndez Performance, que é a compañía encargada da creación e posta en marcha do espectáculo de presentación da sexta, que avanza que será "incrible".

"É unha empresa da que debemos sentirnos orgullosos na cidade", dixo Lores, tras lembrar que esta compañía "traballou en todos os continentes excepto Oceanía, e fai máis de mil espectáculos ao ano".

Méndez explicou que prepararon unha montaxe "completamente distinta" á do ano pasado e na que contarán cun artista que traballou co Circo do Sol, que virá facer un número dentro deste espectáculo. "Será un espectáculo digno do evento e que volverá sorprender", garantiu.

Comentarios