martes 25.02.2020

Bieito Alonso recupera as historias da Galiza anarquista

O autor, nunha conversa mantida con Nós Diario, relata como no seu ensaio describe a época na que unhas xentes que "habitualmente non están presentes" nas historias da migración galega son as protagonistas.

Bieito Alonso (Foto: Galaxia)
Bieito Alonso (Foto: Galaxia)

A expresión "migración galega" resulta case unha redundancia para falar dun pobo que entre 1860 e 1970, segundo un estudo do profesor Durán Villa publicado en 1989, produciu 1,2 millóns de migrantes, "unha cifra que case se duplicaría se puidésemos contabilizar a migración clandestina".

O período menos estudado pola historiografía tradicional é o comprendido entre finais do século XIX e as tres primeiras décadas do XX, que é precisamente o que aborda Bieito Alonso na súa última obra, Anarquistas galegos en América, un ensaio publicado por Galaxia no que afonda sobre migración e anarquismo galegos entre 1890 e 1925.

Desarmando clixés

O autor, nunha conversa mantida con Nós Diario, relata como no seu ensaio describe a época na que unhas xentes que "habitualmente non están presentes" nas historias da migración son as protagonistas.

No transcurso da lectura de Anarquistas galegos en América van caendo tópicos e clixés polo seu propio peso, como o de que os migrantes son "pobres de pedir". "Marchan persoas que saben un oficio e que teñen certas condicións económicas, se non, non poderían permitirse esa viaxe, mais si que é certo que hai moita migración clandestina de menos nivel, igual que sucede hoxe", apostila.

Bieito Alonso tamén explica no ensaio de Galaxia como os anarquistas galegos -"salvo excepcións, como a do ferrolán Román Delgado"- non saíron libertarios da Galiza.

"Os migrantes, rapaces novos sen moita formación intelectual na súa maioría, pasaron por un proceso de ideoloxización que en cada país de destino foi completamente distinto", conclúe o profesor Alonso.

comentarios