Betanzos fica sen o voo do globo de papel máis grande do mundo

O aeróstato non se lanzará este ano nas festas de San Roque, unha tradición que se celebraba de forma case ininterrompida desde mediados do século XIX.

Lançamento do globo de Betanzos da praça Irmáns García Naveira na noite do 16 de agosto de 2022 (Foto: Concello de Betanzos).

Betanzos vai ficar este ano sen a imaxe máis representativa das súas tradicionais festas de San Roque, a imaxe que se produce na noite entre 16 e 17 de agosto: o voo do globo de papel máis grande do mundo, unha tradición que ten case dous séculos de historia e do que betanceiros e betanceiras fixeron un sinal de identidade.

A Fundación Globo de Betanzos, da que fan parte o Concello e a familia Pita, confirmou nestas horas que non se lanzará este San Roque o aeróstato. Atribúe esta inédita situación ás limitacións derivadas da creación da propia Fundación, que impediron realizalo a tempo.

A Fundación Globo de Betanzos pide desculpas á cidadanía e comprométese a “que en 2024 e de aí en diante, Betanzos contará co globo de San Roque”.

Esta cancelación prodúcese após semanas de ruxe-ruxes sobre a posibilidade de que este ano o globo de papel non voase. A familia Pita é a envargada de elaborar este aparato.

En 1875 un albardeiro galego, Claudino Pita, decidiu homenaxear a festividade de San Roque construíndo un globo de papel. Desde entón, a familia Pita cumpre cada ano con esta tradición: elevar na localidade de Betanzos o aeróstato de papel máis grande do mundo.

Construción

Un a un vanse colocando os 160 quilogramos de papel até dar forma a 16 cuarteróns, pegados con ungüento especial, unha mestura a base de fariña de centeo cocida con auga que un antepasado utilizaba xa para tratar o coiro nos seus labores como albardeiro.

Na boca do aeróstato, separado tras un aro de madeira, un cesto de arame alberga outro dos segredos do aparello: un lume aceso cunha mecha mestura de palla e aceite que, debido á diferenza de temperatura, impulsa o globo "a mercé dos ventos", como deixou escrito o propio Álvaro Cunqueiro.

Desde o BNG, sinalouse que “a familia Pita, a Fundación Globo de Betanzos e o Goberno local teñen a obriga de explicarnos a todas as veciñas e veciños porqué este ano non imos ter globo, agardamos que se encontre unha solución a esta situación “. 

Comentarios