Máis

É tempo de feira medieval

A Idade Media volve outro ano á vila de Betanzos.
As doncelas danzando no centro da praza. (Foto: Concello de Betanzos )
photo_camera As doncelas danzando no centro da praza. (Foto: Concello de Betanzos)

Hai varias condicións que se consideran imprescindíbeis para que se faga unha feira franca ou recreación de como era unha vila na Idade Media. A máis importante é que se manteña un casco histórico para fornecela dun marco axeitado.

Despois, é importante contar con información de como se desenvolvía. Betanzos conta con ambas as dúas e por este motivo realiza, desde 1998, a Feira Franca Medieval, cadrando sempre coa segunda fin de semana de xullo, este ano os días 7, 8 e 9 deste mes.

Nesta XXIV edición, o casco antigo da vila volverá ao século XV decorado coas mellores galas para lembrar que obtivo privilexio real e autorización para realizar unha feira anual de trinta días de duración. 

A programación contará, como outros anos, coa chegada do Señor de Andrade á cidade, que fai referencia á concesión no ano 1465 a Betanzos do título oficial de idade e á concesión no ano 1467 do privilexio de poder realizar unha feira franca cada ano no mes de novembro.

Tamén se lembra o incendio da cidade no ano 1569 e a chegada das irmandiñas e dos irmandiños á praza da Constitución  con indumentarias e armas propias da época. Despois, un baile dará paso á entrada dos mouros, que exixirán á cidade que se lles entreguen doncelas para o califa de Córdoba. A representación histórica rematará coa liberación das doncelas.

Ademais, coa intención de facela máis participativa para as persoas visitantes e a veciñanza, haberá actividades e actuacións ao aire libre, como poden ser as exhibicións de cetraría e de tiro con arco, ou representacións de feitos históricos ou lendarios decorridos nesta vila da comarca das Mariñas.

Comentarios