Máis

Berros de lendas e música

O valor do aturuxo no centro da cultura galega.
272953510_354197213191147_3354707987253342742_n
photo_camera Olaia Maneiro, compoñente de Tanxugueiras, co seu aturuxo no Benidorm Fest 2022. (Foto: Rocío Cibes)

Durante o 1 e o 2 de agosto o berro seco volve soar ao unísono na Romaría de San Fins do Castro en Cabana de Bergantiños (comarca de Bergantiños). Un berro que constitúe unha tradición de raíces incertas entre as que se chegaron a suxerir a relación con ritos celtas milenarios.

Felipe-Senén, experto en patrimonio cultural da Galiza, asegura en declaracións a Nós Diario que o que queda claro é que esta festividade se atopa moi vencellada ao aturuxo, unha expresión “moi propia da cultura tradicional galega e un dos elementos máis característicos da nosa terra”. Felipe-Senén reivindica con isto o efecto catártico e a capacidade de chamada á participación destes berros.

Chegando mesmo a asegurar que son as festas populares, como podería ser o caso da Romaría de San Fins, as que permiten recuperar “instintivamente, que non academicamente”, as tradicións da Galiza. Así, todas as persoas que se acheguen até a ermida situada no medio do bosque de Cesullas terán que subir e baixar a un tempo, até tres veces, berrando no seu ascenso.

Unha conta a tres que leva instaurada como tradición desde 1930 e que converte esta romaría en festa de interese turístico da Galiza. Felipe-Senén remarca a importancia da música nesta posta en valor da tradición celta, en particular da música de cantautores dos 70. En concreto, Milladoiro, co seu disco Berro seco, foi un dos encargados de pór en valor esta festividade.

Non é esta a única tradición que serve como marca de identidade da festa. A queima da pólvora constitúe outra das máis relevantes, prendendo lume a unha falla artesanal que adoita representar un oficio tradicional.

Comentarios