xoves 09.07.2020

BellónMaceiras cumpre dez anos e publica novo disco

O dúo de Fene vén de publicar novo disco, ‘Ten’, co que celebra o décimo aniversario da súa formación, pechando así un ano no que estiveron en Irlanda, Escocia, Alemaña, Albania e Andorra. 

BellónMaceiras
BellónMaceiras

Trátase dun disco a dúo (Daniel Bellón á gaita e Diego Maceiras ao acordeón), o terceiro, con moitas colaboracións de artistas que coñeceron ao longo dos anos nos escenarios, como o galés Oliver Wilson-Dickson, Juan Cabe, María Moiseeva, María López , Miguel Lamas, Juan Tinaquero ou Rafael Carracedo.

Dos dez temas tres son composicións propias feitas a catro máns, dúas son tradicionais e outras son de autores como Waldir Azevedo, ao que pertence o single que poden ver máis abaixo, Richard Galliano ou mesmo de Milladoiro. 

Daniel Bellón considera que este é o disco “da maioría de idade”. “Estamos moi tranquilos, facemos o que queremos e estamos moi asentados como formación. A música é un xogo para nós e un xoga ao que quere”, explica. 

Escola BellónMaceiras

Ademais o dúo ten unha escola de música en Fene, creada en 2010, “que é o que nos dá o sustento e grazas á cal podemos facer o que nos apetece”. Unha das alumnas, María López, unha zanfonista de tan só dez anos, é unha das colaboradoras do disco e ás veces acompáñaos nalgún concerto. “É unha marabilla”, di Bellón. 

‘Ten’ presentárono o pasado día 5 de decembro en Fene e proximamente poderemos escoitalos tamén en Ferrol  e na Coruña. En marzo estarán varios días en París e agora acaban de chegar de Irlanda do Norte para pechar un ano no que tamén estiveron en Escocia, Alemaña, Albania e Andorra. 

“A verdade é que xiramos moito por fóra”, conta o gaiteiro, porque as condicións son mellores. “Alí trabállase a caché e por aquí vaise a taquilla e nós cremos que iso non pode funcionar así”, reivindica. 


 

comentarios