Contracultura

Beatriz Maceda, autora do relato 'Lar': "A escrita, aínda que parte da observación, é precisamente un acto de soidade"

O caderno de verán Máis que acompaña Nós Diario achega ás lectoras e lectores desde esta terza feira ao sábado o relato inédito Lar que Beatriz Maceda escribiu en exclusiva para este xornal. A través de cinco entregas, Maceda, escritora de literatura infantil e xuvenil, cambia de ton para reflexionar dunha forma intimista sobre a soidade e as relacións entre as persoas e os animais.

beamacedadixital
photo_camera Beatriz Maceda conversa sobre o seu relato 'Lar', que se publicará no suplemento estival 'Máis'. (Foto: Distrito Xermar para a AELG)

—Un dos temas máis presentes no relato Lar é a soidade. Que significa esta soidade para a protagonista?
Neste caso falamos dunha soidade que en principio non é escollida porque se enmarca dentro dunha patoloxía que implica que á protagonista lle custe relacionarse con outras persoas. De feito, vai a terapia. Mais á vez é unha persoa que se sente cómoda e a gusto nesa soidade. Algo que creo que está moi pouco respectado pola sociedade  e que, ao mesmo tempo, provoca certo medo.

—Nas seguintes entregas do texto verase a importancia das relacións da protagonista coa súa contorna. Como se consegue definir as personaxes no espazo limitado que ofrece un relato?
Iso é o difícil. Na Galiza, aínda que Castelao e outras escritoras como Uxía Casal resultan referentes do xénero, non existe moita obra actual de relatos. A dificultade do relato está en que nun espazo moito máis reducido que a novela, tes que describir as personaxes e o espazo. Para este texto eu centreime no que máis importante resultaba na vida da protagonista, que neste caso era a soidade da que falabamos e a relación que estabelece coa súa cadela. Mais creo que para iso hai que ir ao fundamental da personaxe e ao que realmente che interesa contar. A novela permíteche divagar máis, pero no relato hai que escoller.

—Vostede é escritora de literatura infantil e xuvenil, mais neste relato obsérvase certo ton intimista. Como casan estas dúas facetas?
Eu creo que a escrita, aínda que parte da observación, é precisamente un acto de soidade. Tamén son filla única e iso fixo que me tivera que manexar ben neste sentido, encontrando todo o seu lado positivo.

—A protagonista do relato é escritora. Que hai de vostede nesta personaxe?
Pois está ese amor polos cans. Ademais, ultimamente parece que hai unha batalla na súa contra, artigos sobre se molestan, se non poden baixar á praia... Efectivamente hai persoas moi pouco respectuosas que non recollen as deposicións das súas mascotas, mais iso é como todas as facetas da vida, hai xente irrespectuosa. Este relato serve tamén para pór o foco de atención en todo o positivo que nos pode ofrecer un can. Até o punto de que unha persoa que non quere socializar sexa capaz de ir ao veterinario, saír a pasear... todo pola tenrura que lle aporta a súa mascota.

E á vez permite afondar na intimidade que logran tanto a cadela como a protagonista dentro dese ático no que conviven. Un espazo que foi moi doado describir porque está inspirado no meu apartamento.

—Cita Luísa Villalta no seu texto, precisamente foi escrito uns días antes de que se soubera que será a homenaxeada o Día das Letras de 2024.
Como diría a rapazada, iso está feito a posta. Levamos loitando moito tempo e desde moitos sectores distintos; desde a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, desde a plataforma A Sega, desde a AELG... Moito tempo buscando que se lle concedan as Letras Galegas a Luísa Villalta. Para min citala é aproveitar a oportunidade para visibilizala. Despois claro, ten ese poemario aí En concreto, que non sei eu se haberá unha cidade que teña un poemario tan marabilloso como ese ou coma Papagaio... Por iso para min era a máis acaida e a máis próxima...

—Ten sinalado que a literatura é reivindicación. Que reivindica este relato?
Pois en realidade reivindica o que falabamos até agora, o respecto ás persoas que queren vivir en soidade, que non queren ser ‘famosas’ en redes sociais... e, ao mesmo tempo, pon o foco nas relacións de afecto que se poden estabelecer entre as persoas e os animais.

Comentarios