Contracultura

Beatriz García: "Ao ver a historia e as paisaxes de Valdeorras quedei fascinada e continuei a traballar en Lousas"

Beatriz García, fotógrafa, está detrás de Lousas, un proxecto exposto no Festival FFoco da Coruña e que retrata a industria louseira de Valdeorras desde unha mirada intimista. García aborda a discrepancia existente sobre este motor económico da comarca, convertido ao mesmo tempo nun símbolo de contaminación, xa que como ela di “toda acción humana ten as súas consecuencias no medio ambiente”.
Valdeorras e a industria da lousa centran a mostra fotográfica de Beatriz García no festival FFoco da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Valdeorras e a industria da lousa centran a mostra fotográfica de Beatriz García no festival FFoco da Coruña (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu a exposición de Lousas?

Despois de licenciarme en Administración e Dirección de Empresas, comecei a estudar na Escola Internacional de Fotografía de PHotoEspaña (Pic.A, en Alcobendas, Madrid) e sempre tiven ese especial interese pola rama documental. Aínda que son de Madrid, teño un amigo que vive en Valdeorras e el foi quen me descubriu esta historia. Así, comecei a interesarme moito pola zona, a investigar e a documentarme e acabei indo.

Claro, ao ver a historia e as paisaxes quedei fascinada e por iso continuei traballando no proxecto. Ao final do que se trata é de explicar esta dicotomía que hai entre a industria louseira, que como digo no texto que escribín para o traballo é o motor de vida da comarca, e a paisaxe desolada e chea de contaminación que isto provoca. Precisamente, a edición actual do Festival FFoco está dedicada a catástrofes ambientais ou, como neste caso, industrias que deixan unha pegada conflitiva na paisaxe e nas persoas. 

Ao non ser da zona, cal foi a experiencia de introducirse na comarca?

Claro, para min era moi importante o factor humano do proxecto, que resultara en algo íntimo, entón nos comezos si que tiven algunhas dificultades para introducirme e estabelecer este tipo de relacións. Tivo que ser a base de traballalo moito, de ir moitas veces e de ir tirando de moitos contactos, mais ao final abríronme as portas. 

Eu tamén quería ver ambos os lados da industria: pórme no punto de vista das persoas que traballan alí, mais tamén ter en conta os propietarios. Estes últimos foron quen me abriron as portas e me introducían nas naves e nas minas. Tamén me interesaba moito observar a influencia que esta industria ten na veciñanza, na contorna ou inclusive nas familias. 
 
Que é o que chama máis a atención das persoas que ven o seu traballo?

A sensación que me transmiten normalmente é que souben captar o ambiente e a emoción dos lugares e das persoas. Iso é algo que me interesa moito en todos os meus proxectos e neste en concreto: que mostren o lado humano e que sexa quen de emocionar a quen o ve. De feito, cando estiven na inauguración da exposición houbo un home que se achegara a vela expresamente.

El vive na Coruña, mais os seus pais traballaran toda a vida na lousa en Valdeorras, entón veu co seu fillo para explicarlle como era o traballo que os seus avós realizaran. Ao final é unha satisfacción que estas historias se coñezan, non só polo meu traballo, senón tamén por toda a xente que vive ou traballa alí e que me axudaron a poder levar todo isto a cabo. Tamén penso que é unha forma diferente de achegarse a algo cotián, algo que as persoas teñen moi interiorizado, e por iso consegue emocionar. 

Ademais, fóra da Galiza non son historias que se coñezan tanto, entón é moi interesante darlles voz; situar e pór no seu lugar certos aspectos é moi bonito e importante. Porque moita xente non o sabe, mais Valdeorras é o maior produtor e exportador de lousa a nivel mundial e cando o contas sorprende moito que dunha pequena comarca poida saír tanto. 

Gustaríame que toda a xente o soubese e que Galiza estivese orgullosa do que se fai, porque se fai moi ben, a pesar desa controversia e contradición que hai, mais ao final toda acción humana ten as súas consecuencias no medio ambiente. 

Polo de agora este proxecto non se exporá noutras partes, aínda que estou seleccionada para o encontro Descubrimentos PHotoEspaña e tamén proxectei no Centro de Arte de Alcobendas, que é bastante importante. Tamén fun finalista no XVIII Seminario de Fotografía e Xornalismo da Fundación Santa María de Albarracín. Gustaríame poder presentar Lousas en máis lugares e que tivera máis percorrido.  

Comentarios