Organiza Trece Roeis

Batalla de bandas en galego en Ferreira de Pantón

O obxectivo de “impulsar e difundir a música independente galega” é o fin da batalla de bandas organizada en Ferreira de Pantón pola asociación cultural Trece Roeis. Desde o pasado 27 de marzo e até o 7 de xuño está aberto o prazo de inscrición de proxectos. Dezaseis deles pasarán á fase final da batalla.
 

trece roeis
photo_camera Detalle do cartel do festival Trece Roeis, en Ferreira de Pantón. Imaxe: cedida.

Escollidos por un “xurado profesional”, estes 16 grupos -cuxa selección publicarase nas redes sociais de Trece Roeis o 11 de xuño- actuarán o 13 de xullo, en orde decidida por sorteo e por un tempo de 15 minutos. Catro propostas pasarán á final, esa mesma noite, a partir das dez e con media hora por banda.

Á batalla poderán concorrer grupos ou artistas de calquera estilo e residentes en calquera lugar da Península Ibérica. De haber letra na música, deberá ser en galego.

Os gañadores do concurso obterán a gravación, masterización e edición dun disco de 10 ou 12 cancións, un videclip, a difusión do traballo nas plataformas dixitais e cen copias da versión cedé. Ademais, tocarán no festival Trece Roeis 2019. O segundo, unha estancia de dúas noites na Ribeira Sacra e visita guiada por adegas. O terceiro, a visita ás adegas, cinco libros relacionados coa bisbarra, e catro discos de música galega. O cuarto, tres libros, tres discos e produtos do festival.

Nesta ligazón poden consultarse as bases completas do concurso: https://www.treceroeisfest.com/assets/files/INFO%20-%20BASES[3334].pdf

Comentarios