Así é Palmed, a base de datos que reúne toda a lírica profana medieval

A Universidade de Santiago vén de desenvolver unha base de datos que reúne a transcrción de todas as cantigas profanas da lírica medieval galega que se coñecen, unhas 1.700, ademais das distintas versións de cada unha delas. A nova ferramenta, pioneira en todo o mundo, pode axudar á dixitalización doutros textos medievais.
O pergamiño Sharrer, un dos códices recollidos na base de datos.
photo_camera O pergamiño Sharrer, un dos códices recollidos na base de datos.

Todas as cantigas profanas que se coñecen da lírica galega medieval, xunto coas súas diferentes variantes, están recollidas agora na base de datos paleográfica PalMed, creada polo Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago coa colaboración do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e con financiación del Ministerio de Economía. O proxecto, realizado grazas aos progresos tecnolóxicos acadados nas últimas décadas no ámbito das Humanidades Dixitais, é froito do traballo dun equipo multidisciplinar liderado polas catedráticas de Filoloxía Románica Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, xunto ao doutor Antonio Fernández Guiadanes e o informático Carlos Sánchez.

PalMed permite consultar a transcrición paleográfica de todas as cantigas que chegaron até hoxe, é dicir, a transcrición literal dos textos tal e como están copiados nos cancioneiros, que, ademais, van acompañadas das imaxes dos manuscritos. Ademais, engádese información sobre os caracteres orixinais naqueles casos nos que a súa lectura pode resultar máis complexa para o público xeral, como no caso do sistema de abreviaturas empregado polos distintos copistas dos códices.

O conxunto das cantigas da lírica profana galego-portuguesa que se coñecen na actualidade suma unhas 1.700 pezas diferentes. Mais unha mesma cantiga pode estar copiada en varios códices, existindo variacións entre uns e outros, o que provoca que se multiplique o número de textos, elevando o corpus analizado a uns 3.200 documentos diferentes. PalMed reúne todas as variantes dunha mesma composición, coa correspondente transcrición de cada unha. 

Un proxecto pioneiro

Desde a Universidade sinalan que se trata dunha base de datos pioneira no ámbito internacional, xa que non existe outra igual de conservadora e coas mesmas características para ningunha tradición literaria medieval. "O que diferencia PalMed do resto das transcricións en liña é que, a través dunha sinxela páxina web de acceso libre, ofrece  niveis de lectura, desde o máis elelmental, de calquera lector corrente, até o máis especializado, no que un sistema de etiquetado pode incluso deducir o valor de cada unha das grafías en cada texto", explica Carmen de Santiago, unha das investigadoras principais do proxecto e responsábel de boa parte das tarefas relativas á codificación e marcaxe dos textos.

Deste modo, os usuarios poden visualizar as reproducións dixitais de cada unha das páxinas destes manuscritos, follear a súa transcrición, cotexar verso a verso as distintas versións que se transmitiron das cantigas. "Posúe un sistema de visualización que permite cotexar cada versión dunha cantiga verso a verso, o cal é de grande utilidade para, por exemplo, a realización dunha edición crítica", sinala. Desde o punto de vista dos códices, pódese obter información referente ao número de folios que o compoñen, a posición que ocupa unha determinada cantiga no folio ou os copistas que interviñeron na súa realización, entre outros aspectos.

A web ofrece información que pode ser de interese para distintos sectores da sociedade mais, sobre todo, para docentes e estudantes de diferentes niveis educativos e, en particular, para os universitarios. Tal e como salienta Carmen de Santiago, "a exhaustividade da codificación da que falabamos permite que os investigadores saquen o maior proveito de cada un dos textos". Neste sentido, explica que o labor de codificación de cada palabra foi un traballo que non ten antecedentes. ".Achega informacións que até o de agora non posuía ningunha base de datos".

A investigadora, ademais, pon de relevo que "a precisión na codificación dos datos permitirá adaptar este sistema á dixitalización doutros corpus literarios da Idade Media". En principio, a ferramenta concibiuse como un complemento de MedDB, a Base de datos da lírica profana galego-portuguesa que na década de 1990 puxo en liña as edicións críticas de referencia de todas as composicións dos trobadores. "Esa base de datos achega información de tipo literario, mentres que a nova ferramenta é unha transcrición dos textos, que permite facer estudos gráficos, gramaticais ou editoriais.

Igualmente, con MedDB e PalMed ponse en valor o traballo dos paleógrafos e dos filólogos, dado que o usuario interesado na lectura das cantigas e na visualización de manuscritos deste tipo será consciente do labor previo que require ofrecer este material.

Unha nova ferramenta para unificar linguas

Coincidindo coa presentación pública de PalMed, o Pazo de San Roque acolleu a presentación da nova base de datos Fontes Textuais da Galicia Medieval (Fontegam), outro recurso en liña que unifica as linguas que se empregaban na escrita na Galiza da Idade Media.

A nova ferramenta, tamén impulsada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) en colaboración co Instituto da Lingua Galega (ILG), permite combinar materiais en lingua latina e materiais en lingua galega.

En concreto, conflúen textos latinos e romances. Os primeiros son unha achega do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (Codolga), proxecto desenvolvido tamén polo CRPIH; mentres que os materiais románticos son a achega do Antigo Corpus Galego-Portugués (CGPA), promovido polo ILG, centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

"Parécenos que calquera persoa que se achegue á Galiza medieval verá útil acceder a todos estes materiais de forma combinada e esta ferramenta serve para que, en calquera momento e en calquera lugar que poida traballar, poida ter todo xunto e sacar a información de forma máis eficaz", explicou o director do proxecto Codolga, Xosé Carracedo. 

Comentarios